O presidente da Xunta repróchalle ao bipartito que non impulsase no seu momento esta normativa. O PSOE di que Feijoo "súmase ao partido no minuto 91". O BNG reclama compromisos concretos.
"O próximo presidente de Galiza terá uns instrumentos dos que eu hoxe carezo". Deste xeito reprocháballe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a socialistas e nacionalistas que non modificasen a lei de caixas durante a súa etapa de coalición no poder na anterior lexislatura. Ao tempo, avanzaba que pedirá a habilitación do mes de xaneiro para o traballo na Cámara, coa fin de aprobar "de inmediato" a reforma desta lei.
"Imos facer o que non fixeron vostedes en catro anos", subliñaba Núñez Feijoo, nunha intervención que orixinaba apupos desde as bancadas da oposición xa que, na práctica, o PPdeG vira a súa posición neste asunto logo de apoiar a moción presentada este martes polo BNG para a toma en consideración do proxecto de lei de caixas proposto polos nacionalistas. A proposición foi aprobada coa unanimidade dos tres grupos parlamentarios. Así, o presidente da Xunta aproveitaba para acusar a actual oposición de aparcar a reforma desta norma e á vez de incumpriren durante a súa etapa de goberno "as competencias de velar pola solvencia e a galeguidade que esixe a actual lei".
Democratización e profesionalización
Feijoo falou de "reforzar" por esta vía as entidades e mellorar a "profesionalización" dos seus xestores e destacou a oportunidade para garantir as competencias da Xunta en decisións estratéxicas. "Queremos independencia, democratización e representatividade nos seus órganos", resumiu o presidente da Xunta.
A intervención do xefe do executivo e líder do PPdeG foi criticada polo secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, quen na súa quenda sinalou que se o PP tivese aceptado no seu momento a comisión parlamentaria que sobre as caixas propuxera o grupo socialista, "agora podería estar lista unha lei conxunta". "Vostede súmase ao partido no minuto 91 e cando todos sabemos que as dúas caixas teñen escritas follas de ruta distintas ás que vostede formula", laiouse. "Señor Feijoo, desbotou vostede cinco meses preciosos", apúxolle, ofrecendo de seguido o seu "apoio" ao presidente nas súas futuras xestións para garantir a "solvencia" das caixas de aforro e que estas "queden aquí". "Pero actuando con transparencia e sen malabarismos políticos", advertiu.
Pola súa parte, o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, reprobou a "tardanza" de Alberto Núñez Feijoo en facer pública a postura do Goberno e manifestou o seu desexo de que o prazo "dunha semana" que se deu onte sexa "o definitivo". Aymerich tamén cuestionou o papel do presidente e pediulle que exerza "o liderado que lle corresponde" no canto de pedir "máis tempo". "O rigor e a prudencia está ben, pero hai que actuar con rapidez", afirmou co argumento de que, mentres tanto, outros dirixentes do PP e do Banco de España "parecen ter as cousas moi claras". Foi nesa liña que convidou a Feijoo a que fronte ás opinións feitas públicas por outros dirixentes do PP que son partidarios dunha fusión de Caixa Galicia con Caja Madrid, "actúe como presidente de Galiza e desminta" esas posicións.