A quebequesa Nathalie Blanchard, de baixa por depresión, publicou fotos onde se vía nunhas vacacións que colleu por prescrición médica.
As redes sociais, a medida que se popularizan, vanse volvendo cada vez máis accesíbeis a todo o mundo, polo que hai que ter coidado co que se publica nelas, pois nunca se sabe quen pode estar a mirar. Unha muller quebequesa que levaba un ano e medio de baixa por depresión perdeu o seguro por culpa do Facebook.
Nathalie Blanchard publicou fotos súas onde aparecía sorrinte e festiva, polo que a aseguradora decidiu deixar de pagarlle a indemnización, ao considerala curada dos seus síntomas. Blanchard asegura que as fotos son dunhas vacacións que colleu por indicación médica e que segue a sufrir síntomas depresivos.
A muller deixou o traballo en IBM hai ano e medio por depresión e dende aquela recibe unha pensión da aseguradora Manulife, que agora lle suspendeu os pagamentos. As imaxes que publicou no Facebook amósana na praia e en festas con amigos. A aseguradora, que accedeu ao perfil de Blanchard, considera que as fotos demostran a súa total recuperación.
O avogado da muller sostén que Manulife debería ter consultado un psiquiatra antes de cortar a pensión, pois non se pode diagnosticar o estado mental dunha persoa polas fotos publicadas no Facebook.