Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Paul Rios, coordinador de Lokarri e Politika 2.0

"A internet válenos na procura do acordo, do diálogo, do consenso"

Activista político vasco, traballa desde hai anos a prol dun proceso de paz en Euskal Herria que culmine nunha consulta. Vieiros coincidiu con el no Europarlamento.

F. Arrizado - 09:30 22/11/2009
Paul Rios

Paul Rios

A conferencia de Paul Rios, coordinador de Lokarri e Politika 2.0, era unha das que maior interese espertaban no seminario Activismo político na rede que se desenvolveu o pasado 11 de novembro no Parlamento Europeo.

O político -no sentido máis puro da palabra- vasco traballa desde hai anos pola paz e polo respecto aos dereitos civís, polo diálogo e polo consenso en Euskal Herria, que permitan unha consulta á cidadanía sobre o futuro do país e a reconciliación.

Considera que neste proceso a participación activa da cidadanía é clave, e a internet e as súa potencialidades comunicativas, xa que logo, unha ferramenta idónea e eficaz para construír un vieiro conxunto na solución do conflito vasco.

Vieiros: Como podemos conseguir unha democracia participativa en troques dun consumo de eleccións cada catro anos?
Paul Rios
: Esa é unha das grandes preguntas que nos estamos a facer. En principio hai dous obstáculos. Primeiro, o propio sistema democrático tal e como está concibido na actualidade, especialmente no Estado Español; e segundo, a carencia de instrumentos de participación que impiden a implicación directa. Porén, si que detectamos que cada vez hai máis cidadanía que quere participar activamente en política máis alá dos partidos.

Politika 2.0 é unha proposta que vai nese camiño. Como é que nace?

Xorde hai un ano duns cantos blogueiros vascos e dalgúns representantes políticos que tamén tiñan blog. Tivemos unha xuntanza no Parlamento Vasco na que se analizaron as potencialidades da internet. Politika 2.0 non é un grupo formalmente estruturado, traballamos de maneira "líquida", achegando cadaquén cando e como pode en momentos determinados.

Pensa que este tipo de modelo de participación activa pode callar na sociedade e chegar a influír nas decisións políticas?

A cuestión está bastante verde polo de agora, aínda que consideramos que a evolución da internet lle ha dar un pulo maior a este tipo de iniciativas. Lamentabelmente, a política sempre vai por tras destes elementos cidadáns, e constatamos tamén que hai a tentación de instrumentalizar a internet como ferramenta de marketing político.

Que obxectivos a curto e longo prazo se marcan desde Politika 2.0?

O primeiro paso sería, constatando o crecente afastamento entre a política e a cidadanía, achegar estas dúas realidades. Os partidos téñense que dar de conta de que coa internet poden escoitar, conversar cos cidadáns. Así que se vaia estendendo, é cando chega o maior reto: ver se somos quen de usar a internet para tomarmos decisións políticas. A cidadanía demostrou que está afeita a participar -eis Menéame ou, no caso galego, Chuza!. O natural sería que chegase tamén o convencemento da clase política de que isto é posíbel.

Por exemplo?

En Suíza os referendos na internet son algo común, e aínda que o consideramos moi interesante é o máis sinxelo. Hai outros exemplos que van máis alá, sobre todo na procura do acordo, do diálogo e do consenso, embora falten ferramentas de participación. Os habitantes de Melbourne decidiron mediante un sistema de votación que modelo de cidade querían para 2030, e en Irún tamén se fixo algo parecido. Ten maior utilidade en cousas sinxelas, no ámbito local.

No entanto, non todo o mundo ten acceso á internet ...

Si, a famosa fenda dixital. Sabémolo. Mais tamén somos conscientes de que a participación virtual non se pode contrapor á presencial. Ten que haber un proceso de retroalimentación, de complementariedade. Tamén está comprobado que é máis doado que unha persoa entre a participar, sabendo onde ir para se conectar, se previamente xa tivo algunha actividade presencial, sobre todo a nivel local.

Quizais vostede sexa máis coñecido por Lokarri (rede cidadá polo acordo e a consulta). Que cuestións son as que defenden?

E máis coñecido que Lokarri (voz éuscara que significa "o que une") é Elkarri (nacida en 1992, asinante do Pacto de Estella, Lizarrako Akordioa), da que xorde. Hai tres anos, coa declaración de cesamento do fogo de ETA, mudamos de nome e de obxectivos, procurando un proceso de diálogo, implicando a cidadanía, que culminase na paz definitiva. Un momento moi difícil.

Lokarri, e antes Elkarri, recibe e recibiu sempre críticas desde diversos sectores do abano político en Euskal Herria ...

Lokarri pretende ser un movemento transversal en que hai xente de todas as ideoloxías, mais sempre tentando atrevérmosnos, sermos audaces. Non nos conformamos coa realidade tal e como vén dada. E tomamos decisións que evidentemente non todos gustan delas. Mais, en definitiva, cremos que os problemas que ten Euskal Herria pasan polo respecto aos dereitos civís.


Ligazóns

5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: