“Liberdade escríbese con L e o que aparentemente poida semellar unha cuestión menor convértese no paradigma da imposición e da tolerancia”.
Durante case 23 anos Paco Vázquez foi alcalde da Coruña. Aínda que dende hai tres anos e medio a súa función é a de representar o Estado Español no Vaticano, o ex rexedor non é, nin moito menos, deses que deciden afastarse do seu “legado”. Demostrouno este mesmo xoves durante a entrega do Premio Fernández Latorre (el era o galardoado), que organiza o xornal La Voz de Galicia. Diante dun público composto por cargos institucionais, grandes empresarios e representantes das tres principais forzas políticas, Vázquez 'pontificou' no seu discurso: “Liberdade escríbese con L e o que aparentemente poida semellar unha cuestión menor convértese no paradigma da imposición e da intolerancia”.
Mais no discurso as referencias á situación lingüística en Galiza tiveron moito maior espazo e non faltaron críticas aos que denominou “fundamentalismos excluíntes”. Vázquez reivindicou o legado que deixaron os escritores, todos en lingua castelá, que citou: “Ninguén reflectiu mellor a nosa realidade realidade social que dona Emilia Pardo Bazán, don Ramón María del Valle Inclán, don Gonzalo Torrente Ballester, ou un dos grandes españois gañador do premio Nobel, o galego Camilo José Cela”.
As palabras de Paco Vázquez teñen especial trascendencia porque se producen logo dun mes pasado que estivo marcado pola discusión toponímica. O Partido Popular local, capitaneado por Carlos Negreira, aproveitou para reabrir a discusión sobre a necesidade de oficializar un nome bilingüe para a cidade. Os conservadores eran conscientes de que deste xeito poñían contra a parede a un Partido Socialista que segue atrapado entre o pasado vazquista e o presente de coalición co BNG.
O actual alcalde, Xavier Losada, tamén presente no acto, intenta facer equilibrios. O seu propio grupo municipal é heteroxéneo. Por un lado a vella garda de concelleiros herdados das etapas de 'Paco' Vázquez e por outra edís da última fornada, que non teñen especial interese en manter a sempiterna batalla do L.