'Populares' e nacionalistas apoiaron a iniciativa, que exixe que a propiedade da illa, parte do Parque das Illas Atlánticas, pase a ser galega.
O PPdeG e o BNG aprobaron este xoves unha proposición non de lei que insta a Xunta a reclamarlle ao goberno español a titularidade da propiedade das illas Sálvora, Vionta e Noro, que forman parte do Parque das Illas Atlánticas. Como se acordara en comisión parlamentaria, solicitaráselle ao Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño que transfira a titularidade do arquipélago.
O defensor da iniciativa, o popular Daniel Varela, afirmou que a illa e os illotes deben estar "en mans galegas", mentres que a nacionalista Isabel Montenegro amosouse decidida a apoiar "calquera iniciativa" que aumente as competencias de Galiza e "sorprendida" polo feito de que o PPdeG "estea a favor do traspaso de competencias", polo que o animou a seguir "nesa liña".
Pola contra, o PSdeG votou en contra. Carmen Gallego recomendoulle ao BNG "non fiarse" porque "só son fogos de artificio" e "piden isto agora para pareceren autonomistas". Ademais, recriminoulle ao PPdeG ter a culpa da situación por bloquear un novo Estatuto na pasada lexislatura. Gallego engadiu que o PPdeG non está "preocupado" pola xestión ambiental do parque, senón por "favorecer persoas próximas para invadir a Rede Natura con piscifactorías ou minicentrais".