O BNG logra o apoio de todas as forzas para solicitar que o Goberno se esforce na prevención e na aposta pola reutilización.
O modelo ensaiado en Sogama durante 19 anos está esgotado. Neste punto coinciden todos os grupos políticos do Parlamento. Aínda con diverxencias claras de fondo, os partidos foron quen de aprobar este xoves unha proposta do Bloque para que a cámara lexislativa inste ao Goberno a dar pasos para apostar por unha política clara de reciclaxe de residuos.
Aínda que o BNG apostaba nun primeiro texto por un novo plan que deseñe plantas comarcais de reciclaxe e compostaxe e nun abandono progresivo da incineración, até a súa elimación definitiva a longo prazo, o PP non aceptou a totalidade da proposta. Ademais da necesidade de aumentar o esforzo á hora de reciclar e reutilizar os residuos xerados, as tres forzas coinciden na necesidade de incidir máis nas políticas de prevención e de concienciamento cidadán.
O propio conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, recoñeceu que as instalacións centrais de Sogama en Cerceda están completamente saturadas. Dende hai anos, a sociedade pública necesita desprazar milleiros de toneladas de lixo ao vertedoiro da Areosa, tamén no municipio de Cerceda, que se depositan sen ningún tipo de tratamento. A razón é que a planta de tratamento non é quen de tratar máis de 500 mil toneladas de lixo ao ano, a metade das que xestiona Sogama.