Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
A anterior sentenza anulaba a Declaración de Impacto Ambiental, aprobada pola Xunta en maio de 2005.

O TSXG anula o acordo de Consello Da Xunta que aprobou a piscifactoría de rinlo, en Ribadeo

O TSXG volta a desacreditar as actuacións do goberno Fraga respecto da piscifatoría de Rinlo, en plena Rede Natura.

ADEGA - 20:37 18/11/2009
Tags:

Logo de que o TSXG emitira sentenza o 23 de setembro de 2009 contra a resolución da D. X. de Calidade e Avaliación ambiental do último goberno Fraga, que se aprobaba a DIA da piscifatoría de Rinlo (Ribadeo), agora vén de emitir outro fallo que anula o acordo do Consello da Xunta do 28 de xullo de 2005, que aprobaba o Proxecto Sectorial da planta de acuicultura promovida por Acuinor S.L.

 Ambas sentenzas, favorábeis aos recursos contenciosos interpostos por ADEGA en setembro de 2005, ratifican os motivos polos que os ecoloxistas denunciabamos a execución da planta de acuicultura de Acuinor en Rinlo (Ribadeo). Pero nesta segunda sentenza destácase, sobre todo, a desconsideración do goberno Fraga polos aspectos ambientais do lugar obxecto de instalación da piscifatoría  á hora da aprobación do proxecto por parte da Xunta: 

“Debe ser estimado el presente recurso relativo a los defectos denunciados en cuanto a los aspectos medioambientales indebidamente desatendidos con ocasión del acto [a aprobación do proxecto sectorial no Consello da Xunta] aquí recurrido”.

  Ademáis, esta sentenza afonda de novo nalgún dos argumentos xa esgrimidos polo TSXG no anterior fallo no que declaraba nula a DIA do proxecto por non ser conforme a dereito dada afección medioambiental “inaceptábel” que o proxecto ía ter no LIC As Catedrais, protexido como Rede Natura pola UE e que acolle hábitats prioritarios:

   “Ante la indebida afectación de los valores medioambientales no cabe entender que se ajuste a la legalidad la opción elegida por la Administración que conduce a dicha afectación a un nivel inaceptable”.

   E ademais engade outras consideracións, como a falta de suficiente xustificación da ubicación de certos elementos do proxecto (tanques de preengorde e de engorde) dentro da Zona de Servidume de Protección do Dominio Publico Marítimo Terrestre:

   “Por otro lado tampoco parece suficientemente justificada en su plenitud la ubicación dentro de la zona de servidumbre de protección respecto de todos y cada uno de los elementos allí incluídos en el Proyecto”.

   Así pois, e en base a estas dúas sentenzas do TSXG resultaría inviábel a ubicación do proxecto de acuicultura de Acuinor no lugar pretendido, en Rinlo, dentro do LIC As Catedrais.

 Sentar precedente
Estas dúas sentenzas son ademáis as primeiras que se fallan en Galiza a favor dun espazo de Rede Natura e en contra de intereses privados co apoio da Administración, polo que constitúen un  precedente que se pode aplicar con respecto a outros proxectos que atenten probadamente contra a normativa europea que regula a conservación de hábitats da Rede Natura 2000.

  Por outra banda, non só critican unha mala xestión dos espazos protexidos, senón que por primeira vez apontan  responsabilidades cara a Administración, neste caso a Xunta de Galiza do último executivo Fraga, ao desatender as consideracións ambientais e de protección legal do lugar, e aprobar irregularmente primeiro a DIA do proxecto, e despois o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da planta acuícola promovida por Acuinor S.L.

Antecedentes e tratos de favor

En agosto de 2004 ADEGA presentou as primeiras alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental da planta de acuicultura de Acuinor S.L., un proxecto que xa fora desbotado en Asturias por dúas veces por afectar a un espazo de Rede Natura.

Pero a Galiza chega nun momento, logo da catástrofe do Prestige, no que o goberno Fraga presenta o “Plan Galicia” como “bandeira” da solución do desastre: construción de autoestradas, pontes, paradores, parcelarias, piscifatorías, etc.

Daí xurdirían os proxectos de Rinlo e Touriñán e o Plano Sectorial de Tecnoloxía Alimentaria, impulsado polo daquela conselleiro de Pesca, o Sr. López Veiga, que foi aprobado co goberno en funcións, tras unha tramitación “express” en xuño de 2005, sen ter sido sequera sometido á Avaliación Ambiental Estratéxica, ordenada pola Directiva 2001/42/CEE.

 Así, o goberno Fraga comeza a ofrecer facilidades para a ocupación de espazos públicos e nomeadamente protexidos, para os proxectos acuícolas: por unha banda, e logo da destitución do Conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuíña, e coa chegada de Alberto Núñez Feijoo á COTOP, modifícase a Lei do Solo para dar cabida a este tipo de instalación en solos rústicos de especial protección de Rede Natura; por outra, a Xunta case agasalla os terreos públicos aos promotores, vendéndoos a 1€/ m2.As DIAs emitidas pola Xunta en relación aos proxectos acuícolas en Rede Natura son sempre favorábeis, mesmo naqueles lugares onde hai hábitats prioritarios (caso de Rinlo e Touriñán), en contra do ditaminado pola Directiva 92/43/CEE. En Rinlo, ademáis, o concello de Ribadeo concede a licenza municipal para as obras un día despois de ser aprobado o proxecto polo Consello da Xunta, sen agardar a que o acordo fose publicado no DOG, e faltando as autorizacións preceptivas para a ocupación do Dominio Público Marítimo-Terrestre.

ADEGA teme que este xeito de actuar esté volvendo a acontecer co actual goberno Feijóo, dado o trato de favor que está a ofrecer a Pescanova, a pretendida modificación da Lei do Solo e a flexibilidade da nova Lei Eólica para a instalar muíños en Rede Natura.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: