Exixen que o Goberno dea marcha atrás e non desmantele os programas comarcais de Igualdade, Familia e Infancia.
As traballadoras de oficinas comarcais de Igualdade e Benestar están dispostas a manter o pulso co Goberno. Este mesmo martes pecharanse na sede central do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para exixir o mantemento dos 61 postos de traballo que a Xunta quere suprimir a final de ano. Con estes despedimentos, quedan no ar os programas de Igualdade, Familia e Infancia que se están a desenvolver en 18 comarcas do país dende hai dous anos.
Aínda que os orzamentos de 2010 non están definitivamente pechados e a pesar das críticas (tanto da oposición política como de usuarios) pola supresión de servizos públicos no rural, o executivo non respondeu se vai haber unha marcha atrás ou, caso contrario, como se van cubrir as funcións que desenvolvían os traballadores públicos.