O último evento do Día das Letras Galegas 2009 achegase á figura do intelectual galeguista desde o pensamento, a cultura e a política.
Ramón Piñeiro
A Real Academia Galega cerra o ano que dedicou o Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro cun congreso no que se debaterá sobre o seu legado en diferentes ámbitos. “Ramón Piñeiro e Galeguismo. Pensamento, cultura e política” celébrase do 18 ao 20 de novembro no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. Coordinado por Francisco Díaz Fierros, e co patriocinio da Consellaría de Cultura e Turismo, no congreso participan algunhas das figuras máis significativas da vida política e cultural galega dos último anos.
A primeira xornada estará dedicada ao pensamento, con relatorios sobre “Lingua e filoloxía” de Antón Santamarina, “Filosofía” por Andrés Torres Queiruga, “Idea de Galicia” por Ramón Maiz e “Piñeiro e o marxismo” por Xesús Alonso Montero. A segunda xornada reflexionará sobre Ramón Piñeiro e a cultura, con conferencias de Henrique Monteagudo sobre “O concepto de cultura en Piñeiro”, Víctor Freixanes sobre “O labor editorial” e Ramón Villares sobre “Relacións culturais co exterior”. Pola tarde haberá un debate coordinado por Basilio Losada no que participarán Marina Mayoral, Xavier Carro e Siro López.
O congreso remata o venres 20, unha xornada dedicada á análise política. Xosé Manoel Núñez Seixas faltará da posguerra, Miguel Barros de “Resistencia cultural”, Xavier Castro de “Relacións co exilio”, Xosé Manuel da Silva pronunciará o relatorio “Proceso e cadea de Ramón Piñeiro: testemuños e documentos inéditos” e Xosé Ramón Quintana falará da transición. O congreso rematará cun debate moderado por Xerardo Fernández Albor, primeiro Presidente da Xunta de Galicia, no que intervirán Camilo Nogueira, Benxamín Casal, Alfredo Conde e Xosé Luís Meilán Gil.