As redes sociais reaccionan contra a cancelación da xuntanza informática que cada ano reúne a sete milleiros de afeccionados en Lugo.
Imaxe da Ludus Party de 2008
"Loitemos pola Ludus Party". Este é o nome dun grupo creado en Facebook que se rebela contra a cancelación da festa informática que cada ano acollía o Pazo de Congresos de Lugo. Para demostrar que o evento conta con moitos seguidores, os afeccionados tamén optaron por Tuenti, onde xa máis de 250 persoas apoian a protesta. "Estannos quitando a ilusión, sen darnos razóns substanciais", escribe un dos internautas, "que este ano haxa crise non é motivo ningún".
Precisamente, a austeridade foi o argumento co que o Concello de Lugo decidiu deixar este ano sen financiamento á xa consolidada cita entre afeccionados informáticos. Explican que, ante a situación de crise económica, a concellería de xuventude decidiu dar prioridade a outros programas, como os de "mellora de acceso ao mercado laboral".
Política de mocidade errática
O ano pasado, a achega do Concello de Lugo á Ludus Party foi de 70 mil euros, unha cantidade que se adicaba á organización do evento e que permitía cubrir todos os custes. Na última edición, unhas sete mil persoas asistiron á xuntanza, que se estaba a consolidar entre as máis recoñecidas festas informáticas de todo o Estado Español.
O BNG xa se adiantou a criticar a súa cancelación, cualificando de "absolutamente errática" a política de mocidade do goberno de López Orozco, a quen acusou de ter unha Concellería de Mocidade "baleira de ideas e de orzamento". Na mesma liña cuestionou outra decisión deste departamento: o da eliminación da pista de xeo que cada Nadal formaba parte das instalacións de Xuvenlugo, organizado no recinto feiral. O edil nacionalista, Xosé Chorén, acusou así ao executivo local "de non ofrecer á xente nova actividades de ocio que permitan unha alternativa ao botellón", ao tempo que censurou que "a única política que ten este goberno para os mozos é a prohibición, como demostra a ordenanza contra o botellón que pretende aprobar".
Pola súa parte, o PP tamén se sumou a esta crítica. Se ben entende que se faga unha redución de gastos, a edil popular, Sofía López Linares, explica que "este non semella o mellor programa no que facelo", en vista do éxito co que contaba a iniciativa. Con todo, os populares coinciden en subliñar "a improvisación" coa que se actúa neste departamento e exixen unha "mellor planificación na política de mocidade". Doutra banda, tanto nacionalistas como populares apuntan a un posíbel enfrontamento no seo do goberno municipal, que levaría canda si a redución de recursos económicos á area de Xuventude, que dirixe Rosana Rielo.
Grupos de presión
Pola súa parte, o grupo de goberno reitera que a decisión se debe a unha cuestión de austeridade. Rielo rexeitou sentirse marxinada e explicou que o orzamento da súa concellaría se viu reducido nas mesmas marxes que os demais. Asemade, explicou que, malia a cancelación de Ludus Party e da pista de xeo de Xuvenlugo, se mantén "unha programación importante en materia de xuventude, como se reflicte na programación da Casa da Música ou a Movida Alternativa Xuvenil".
Sexa como for, os afeccionados informáticos están en pé de guerra e xa se configuraron como "grupo de presión" para "ver se entre todos podemos facer que o Concello mude de opinión e nos deixe gozar do que é noso", explican dende o seu grupo de facebook.