As empresas de traballo temporal accederán en breve a sectores que tiñan vetados, como a construción e a administración e a medio prazo poderían obter aínda outros beneficios.
O debate sobre o proxecto de lei de medidas urxentes de emprego deseñada polo Ministerio de Traballo trae novidades ao respecto do funcionamento das Empresas de Traballo Temporal (ETT). A patronal do sector contou en apoio dalgunha das súas demandas principais dos deputados de PP, CiU e PNV. A negociación das emendas torceu o brazo do grupo maioritario do PSOE en varias cuestións e, entre outros, ínstase ao goberno español a que, á volta de poucos meses e logo de que esta lei saia do Senado, sexa trasposta a directiva marco que lle afecta a estas empresas.
De xeito concreto, o levantamento dos vetos nos sectores da construción e a administración están entre as novidades principais. A Asociación de Grandes Empresas de Traballo Temporal (Agett), ten insistido en que se facilite a actividade dos seus asociados. Amparado nas cifras de mobilización de demandantes de emprego que ofrecen as ETT e comparando estes indicadores coas febles estatísticas de colocación que saen dos servizos públicos de emprego, a Agett, insiste na súa capacidade de xeración de emprego no actual escenario de crise.