Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Centenario do seu nacemento

A gran exposición sobre Luís Seoane chegará en 2010

Vigo, Ourense e Pontevedra acollerán a principios de ano unha mostra que repasa a súa traxectoria artística.

Redacción - 09:30 13/11/2009

Caixanova prepara para principios do ano 2010 unha gran mostra sobre o Luís Seoane artista, que se poderá ver nas salas de exposicións da entidade en Vigo, Pontevedra e Ourense. A mostra celebrará o centenario do nacemento de Seoane, unha das personalidades máis importantes da cultura galega no século XX.

A mostra estará comisariada por Carlos L. Bernárdez e Fernando M. Vilanova. Incidirá nas diferentes épocas, relatos, significacións figurativas e influencias na traxectoria de Seoane, así como o seu compromiso cultural e político. Reuniranse pezas cedidas polas principais pinacotecas de Galiza, como a Fundación Luís Seoane, o Museo de Belas Artes da Coruña, a Fundación María José Jove, o Parlamento de Galicia ou o Museo Quiñones de León, ademais da Colección Caixanova e de coleccións particulares.

Luís Seoane (Buenos Aires 1910 - A Coruña 1979) é un dos grandes renovadores da plástica galega no século XX. Foi pintor, ilustrador, debuxante, gravador deseñador, editor, poeta e autor de ensaio e teatro. Completou a súa actividade artística coa posta en marcha de diversas iniciativas empresarias, entre as que destaca a fundación en 1968 do Laboratorio de Formas de Galicia, xunto a Isaac Díaz Pardo, que sería a xénese da futura Fábrica de Sargadelos e do Museo Carlos Maside.

A súa obra xunta dúas fórmulas ás que mantén fidelidade: a memoria e a tradición do país e a vontade cosmopolita e de modernidade. O resultado é unha obra humanista na que emprega un grande abano de formas e materiais.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: