A terceira edición da Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial xira arredor dos conceptos de reciclaxe, comunidade, utilidade e contacto.
Xuntar nun só espazo a diversidade do patrimonio cultural galego que vai máis alá do que se pode tocar e habitar. Ese é o obxectivo da mostra que anualmente organizan as entidades que participan no proxecto Ronsel. Do martes 10 ao sábado 14, unha carpa na praza Maior de Ourense amosará esa riqueiza mediante exposicións, obradoiros, debates, producións audiovisuais, cursos, actuacións e concertos arredor de catro valores ligados ao patrimonio tradicional: reciclaxe, comunidade, utilidade e contacto.
Cada un deses valores conta cun espazo específico dentro da mostra. O obxectivo non é só representar a variedade e calidade da cultura inmaterial galega, senón demostrar que os coñecementos tradicionais se poden adaptar á sociedade actual e xerar expresións de alto valor estético, funcional e económico.
Cada día haberá obradoiros de oficios como tornería, forxa, oleiría, artes de pesca ou construción de instrumentos musicais vexetais, entre outros. Polas rúas da cidade haberá cantos de cego, contacontos, mostras musicais e presentacións de actividades tradicionais, como a malla, o proceso do liño, o entroido ribeirao de Santiago de Arriba (Chantada), o combate de mouros e cristiáns da Saínza (Rairiz de Veiga) e o folión de Mormentelos (Vilariño de Conso). Cada noite, a mostra pecharase cunha actuación musical: o martes será Coanhadeira, o mércores Tinta Femia, o venres Leilía e o sábado Os Carunchos.
A mostra forma parte do proxecto Ronsel, un proxecto para investigar, salvagardar e poñer en valor o patrimonio cultural inmaterial galego. No proxecto están implicadas as tres universidades galegas e a Xunta de Galicia.