Luís Rei, autor de Ramón Cabanillas: Crónica de desterros e saudade, cóntanos sobre unha figura que "estaba a caer nun inxustificábel esquecemento".
Estamos no 50 cabodano de Ramón Cabanillas. O concello de Cambados dedicoulle esta ano por ser un senlleiro veciño e gran poeta na literatura galega. Por iso a editorial Galaxia publicou unha espléndida biografía que nos conta o ir e vir do Poeta da Raza, Ramón Cabanillas: Crónica de desterros e saudades. O seu autor, Luís Rei, traballou a eito e o froito foi este libro que dalgún xeito é case definitivo no que ao estudo da vida de Ramón Cabanillas se refire. Falamos con el e isto é o que nos dixo:
A primeira pregunta vai á razón deste libro: por que escolleu vostede estudar a Ramón Cabanillas?
Por cousa de oficio. Son bibliotecario en Cambados e no fondo local foise xuntando algún material inédito. Así comezou a investigación.
Cabanillas foi un veciño ilustre de Cambados, terra natal. Que lle deu Cambados a Cabanillas e Cabanillas a Cambados?
Cambados deulle a Cabanillas un lugar para a saudade nunha vida chea de “desterros” e, despois de morto, un monumento no centro da vila. Cabanillas deulle a Cambados algúns dos seus mellores poemas e un lugar de honra na “xeografía literaria” galega.
Ramón Cabanillas é un dos poetas máis importantes da nosa literatura. Por que decide escribir en galego e cando?
Cabanillas faise poeta en Cuba cando comezaba a segunda década do século XX e comeza a escribir en galego nese mesmo momento. Até entón escribira maioritariamente en español, fixera moito xornalismo local e o que el chamou “copras de rexoubeo”. Ao contrario de todo o mundo el asumiu o galego como a lingua de prestixio literario.
Foi o gran poeta das Irmandades da Fala? Que relación gardaba coas IF?
Traballou arreo desde a primeira hora. Se callar foi o único grupo no que tivo unha actitude “militante”.
Nas primeiras composicións atopamos unha forte influencia do agrarismo
Cabanillas xa era un loitador anticaciquil de tendencias agraristas e republicanas antes de marchar a Cuba, pero a partir da campaña de 1912 de “Acción Gallega” fíxose “basilista”, a admiración por Basilio Álvarez mantívoa toda a vida.
Realiza algún papel esta poesía de Cabanillas na relación entre o agrarismo e as IF?
A poesía non o sei, pero el, persoalmente, fixo moito por esa relación. El quería que Basilio se integrase nas Irmandades, fixo xestións nese camiño e como iso non foi posíbel mantivo sempre, á súa maneira, a fidelidade coa persoa de Basilio mentres traballaba no seo do galeguismo.
Acadaría un éxito moi rápido, coa publicación de varias obras en poucas anos e con reedicións deseguido. Podemos dicir que é o primeiro poeta en vida con tal éxito. A que razón se debe?
Penso que a mellor definición é a que fixo Ramiro Fonte: Cabanillas era o “poeta necesario”. Cando a voz de Cabanillas apareceu, a poesía galega era un ermo e non se albiscaban dignos continuadores da “triple coroa” de Rosalía, Curros e Pondal. Precisábase que alguén dese continuidade ao rexurdimento e ese foi o contexto no que apareceu Ramón Cabanillas. Ninguén tivo dúbidas de que estaba diante do poeta agardado. Tamén é certo que despois soubo manter e acrescentar o prestixio acadado.
Durante o período republicano, Cabanillas está nunha segunda fila. Como viviu ese tempo?
Viviu en Madrid, bastante afastado do Partido Galeguista a pesar de ter sido candidato por Pontevedra con Castelao e Paz Andrade nas eleccións do 31. A vida foille moi mal neses anos e, nalgúns asuntos, culpaba aos seus antigos camaradas da súa sorte. Nese tempo o seu interlocutor nacionalista foi Otero Pedrayo e penso que estivo moito máis perto dos radicais, con Basilio Álvarez e finalmente dos centristas de Portela Valladares.
A sublevación do 18 de xullo cólleo en zona leal e mantén o contacto cos galeguistas. Escribe para o Nova Galiza pero en plena guerra decide pasarse á zona ocupada. Por que?
As únicas explicacións do propio Cabanillas foron dadas ante un xuíz instructor da Garda Civil en plena guerra, así que habería que tomalas con cautela. Era unha declaración autoexculpatoria na que viña a dicir que, vello e enfermo, volvía a territorio “nacional” por vontade propia, con simpatía polo novo réxime e sen ter feito nada malo durante o período republicano.
Persoalmente penso que, sendo certo que estaba enfermo e lle pesaban os anos, o fundamental é que non tiña forza para un novo desterro e aquela República non o ilusionaba. Igualmente debe ser aclarado que en ningún caso Cabanillas foi franquista, a súa evolución posterior non deixa dúbidas.
Antífona de cantiga inaugura a editorial Galaxia. Pertencía Cabanillas ao círculo de Galaxia?
Ese libro xa estaba impreso cando chegou a Galaxia. Pagárao Álvaro Gil, que facía naquel momento de mecenas do cambadés e que foi tamén un dos principais financiadores da editorial. Porén, opino que Cabanillas, andando bastante por libre, si que se sentiu comprometido con Galaxia, tanto no plano editorial como no político.
Coñecemos un Cabanillas combatente e até agresivo na súa lírica inicial pero, na intimidade, respondía a súa personalidade a eses versos?
En xeral ese non é o concepto que tiñan del as persoas que o trataron, sobre todo na vellice. Todos falan dun home amábel, sinxelo, calmo... pero é seguro, porque hai ducias de cartas que o testemuñan, que cando escribiu os versos que falaban de “lume no pazo” e fouces xusticieiras non andaba a brincar con tropos líricos, era fiel ao seu pensamento e estado de ánimo.
Algúns di que hai un Cabanillas de boina e un Cabanillas de sombreiro elegante. Cal lle era máis axeitado?
Ficou calvo bastante novo e cubriu a cabeza con todo tipo chapeus e puchas ao longo da vida. Pero se o que me preguntas é se era o paisanote con pinta de labrego que aparenta na súa foto máis coñecida e identificábel a resposta é que non. O sombreiro e a chalina describen mellor ao personaxe. Dixo Risco, que o coñeceu ben, que era “un dandy perdido en la bohemia”.
Este Ano Ramón Cabanillas, a piques de rematar, como o valora vostede? Pensa que foi difundido a figura do Poeta da Raza?
Non se fixo todo o que algúns soñamos hai dous ou tres anos cando comezamos a preparalo pero fíxose moito máis do que nalgún momento tememos. A figura e a obra de Cabanillas recobrou certa actualidade, fálase e escríbese sobre un autor que estaba a caer nun inxustificábel esquecemento. Deste ano van ficar unha ducia de libros e moitas cousas na memoria. Non é para queixarse.