Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Congreso provincial do partido

Sen consenso "pero sen drama": acordo imposíbel no PSdeG coruñés

O sector de Moreda aspira a apañar o 80" de apoios. O equipo de Lage sitúa o seu teito arredor do 45%.

Redacción / Europa Press - 10:15 07/11/2009

O Pazo de Exposicións e Congresos (Palexco) da cidade herculina acolle este sábado a pugna polo control do PSdeG na provincia da Coruña entre o presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, e o deputado Xosé Manuel Lage Tuñas, nun escenario "moi aberto". De feito, o equipo de Moreda cifra en torno ao "75 ou 80 por cento" o número de delegados que o acompañarán no congreso provincial, mentres que o ámbito de Lage sitúa as súas posibilidades sobre o "40 ou 45 por cento". En todo caso, dende ambos os dous lados mostráronse conscientes, en declaracións a Europa Press, de que os datos poden sufrir variacións debido aos indecisos e a que o voto é secreto.

Esta é a conxuntura que atoparán no conclave coruñés, previsiblemente o único dos socialistas galegos que vivirá un enfrontamento entre dous membros do partido, despois de que en Pontevedra e Lugo se erixisen coa secretaría provincial sen oposición Modesto Pose e Ricardo Varela, respectivamente. Ourense é a última provincia en celebrar o seu congreso, aínda que non se prevén pugnas polo liderado despois de que o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, se mostrase aberto a presentarse.

Ademais, a posibilidade de pactar unha candidatura única foi rapidamente descartada por Fernández Moreda, quen considerou que dar este paso sería "unha fraude" para a militancia. Iso, a pesar dos esforzos de boa parte do partido, principalmente, dos alcaldes de Santiago, A Coruña e Ames, que "lideraron os intentos até o final". "O desexábel sería o consenso, pero tampouco é un drama", expoñen, "Zapatero saíu dun congreso moi disputado, polo que esta confrontación non ten por que saír mal", opina o tamén presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Carlos Fernández.

No que si chegaron a acordo ambos os dous candidatos foi na confección da Presidencia da Mesa do congreso, que liderará o anfitrión, é dicir, o rexedor coruñés, Xavier Losada, que estará acompañado da santiaguesa María Gómez Bugallo como vicepresidente; do tenente de alcalde de Ordes, Xesús Pedreira; da secretaria de Organización da agrupación ferrolá, María López; e dunha militante de Carballo, Carmen Vila. O consenso estendeuse tamén á comisión de credenciais e á comisión electoral.

Executivas
En canto aos equipos que acompañarán a ambos os dous candidatos, fontes próximas ao presidente da Deputación da Coruña informaron de que o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, ocuparía o cargo honorífico de presidente provincial do PsdeG. A maiores, o alcalde de Culleredo, Xulio Sacristán, encargarase da secretaría de Política Municipal; mentres que o de Ares, Xulio Iglesias Redondo, encargarase da de Formación, e o ex delegado provincial da Consellería de Política Territorial Alberto González dirixirá a secretaría de Infraestruturas.

Outras persoas, como o alcalde de Paderne, a concelleira de Educación do Concello de Santiago, Lupe Rodríguez, e a ex directora xeral de Administración local e actual asesora do rexedor de Cerceda, Begoña Martínez, atoparían acomodo na executiva de Moreda, que terá "representación de todas as bisbarras".

Pola súa banda, Lage incorporará o alcalde de Fene, Iván Puentes, na secretaría de Política Municipal; e designará a un membro da agrupación compostelá á fronte da secretaría de Organización. Pola súa banda, a agrupación da Coruña contará cunha "posición destacada", posiblemente, a vicesecretaría xeral. Un dos "puntais" da súa candidatura, o voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, podería formar parte do equipo do deputado barbanceiro no caso de que, segundo informaron a Europa Press fontes próximas a este candidato, fose necesario "reforzar" a dirección.
Outra coincidencia entre ambos os dous candidatos é a necesidade de crear "unha executiva áxil e operativa", que cifraron en torno ás "25 ou 30 persoas". De todos os xeitos, no caso de Moreda, pretende crear "un núcleo duro" que xestione a provincia "co ambicioso proxecto de chequear as agrupacións antes do verán" coa vista posta nas municipais. Esta permanente debería estar formada por persoas con "dispoñibilidade e horas" para traballar. Para Lage Tuñas, o modelo non tería por que ser "mimético" con respecto á executiva galega, que reflicte as cuestións "marco", senón "incidir en carencias como a formación e o asesoramento" aos compañeiros das distintas agrupacións.

Regras
Segundo explicou o secretario de Organización do PSdeG, Pablo García, o congreso iniciarase ás 11horas, cando se abrirá o proceso regulamentario para a recollida de avais. Cada candidato deberá recoller as sinaturas dun 20% dos delegados, como mínimo, ata un máximo do 30%; e non terán validez as reunidas nos días previos.

Coa fin de "ter a certeza de que as sinaturas se corresponden con esta cita", o modelo de recollida de avais será "orixinal", tal e como se pactou nunha reunión entre o senador socialista e os dous candidatos. Tras este proceso, ambos os dous aspirantes realizarán un discurso a porta pechada, previo á votación do secretario provincial, para a cal se instalarán cabinas que garantan "o voto secreto" de todos os compromisarios. Así, antes de comer, os socialistas contarán cun novo líder para, pola tarde, votar o seu equipo directivo.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: