A selección galega convoca a Paco Galego para o encontro deste sábado no concello asturiano de Castrillón.
As seleccións galega e asturiana de billarda enfróntanse este sábado polo título da Copa Cantábrica. A terceira edición deste torneo promete ser máis igualada que nunca, xa que se xoga en Castrillón (Asturias) e coas normas do liriu, a versión asturiana da billarda. Para superar as dificultades, a Auténtica presenta unha convocatoria na que destaca a chamada a Paco Galego, xogador residente en Suíza e referente do grupo Mafia Gallega, que viaxará á costa cantábrica para contribuír á vitoria de Galiza.
Ginés Rodríguez exercerá nesta ocasión de seleccionador-xogador, posto gañado co seu triunfo no Aberto da Auténtica, que se xogou na Coruña en decembro pasado coincidindo co Galiza-Irán de fútbol. Esta é a listaxe dos 27 escollidos por Ginés: Carmiña, Bixi, Xosé Manuel-Bítere, Arturo, Moisés-Xove, Cristian-Xove, Servando, Ana, Paco Galego, Álex, Andrés, Suso, Lucía, Marcos, Éric, Geny, Jose, Paloma, Reyes, Guille, Daniel, Franco, Markytos, Toño, Tereixa, Xosiño e Xermán. Na convocatoria destaca a ausencia de Calvete, o veterano capitán da selección galega, que se recupera dunha recente intervención cirúrxica, e ao que o resto do equipo agarda dedicarlle a vitoria.
Galiza terá en fronte a unha selección ben preparada. Este ano por primeira vez contan con liga regular en Asturias, a CNL (Conceyu Nacional de Liriu). Os seus seleccionados sairán dos tres equipos da liga: Quirinal, Espor[a] e Las Bárzanas. Contarán ademais coa vantaxe de xogar coas regras asturianas: en lugar de introducir a billarda no varal, hai que facelo no castru, un círculo marcado sobre a pista de xogo.
A próxima cita internacional dos palanadores galegos será o 14 de novembro en Pasaia, Euskadi, onde se xogará o primeiro aberto de txirikila-billarda en terras vascas.
Máis billarda en Lugo e Chantada
Aproveitando a parada nas catro conferencias da Liga Nacional de Billarda pola celebración do partido da selección, Lugo e Chantada van celebrar dous torneos abertos. En Lugo o colectivo Toma Castaña organiza na tarde do venres un aberto no xardín Zen do CEI-Nodus. E o sábado en Chantada celébrase por segundo ano o aberto do Castañazo Rock, a partir das catro e media da tarde no mercado gandeiro da localidade.