Os clientes de Galactic Suite terán que usar traxes de velcro para apegarse ás paredes do habitáculo, que dará a volta ao mundo cada 80 minutos.
Unha empresa catalá anuncia que no ano 2012 poñerá en marcha un hotel espacial, o Galactic Suite Space Resort. Pasar tres noites nel custará tres millóns de euros, que inclúe un curso de adestramento de oito semanas nunha illa tropical.
Durante a estadía, os turistas verán saír o sol 15 veces ao día e darán a volta ao mundo cada 80 minutos. Para facer posíbeis os desprazamentos nunha situación de ingravidez, os pasaxeiros usarán traxes de velcro cos que se apegar ás paredes.
O presidente executivo de Galactic Suite Ltd, con sede en Barcelona, Xavier Claramunt, é ex-enxeñeiro aeroespacial. Asegurou que o proxecto poñerá a súa empresa no cumio dunha nova industria cun enorme potencial, pois as viaxes ao espazo serán algo común -e aparentemente non moi accesíbel- no futuro.
O primeiro proxecto da compañía é poñer en órbita a 450 quilómetros de altura unha cápsula con capacidade para catro pasaxeiros e dous astronautas como pilotos. Porén, xa hai voces críticas que consideran inasumíbel o prazo dado para posta en marcha do proxecto, ademais da falta de financiamento. Claramunt asegurou que un multimillonario anónimo afeccionado ao espazo xa puxo sobre a mesa tres mil millóns de dólares.