A película que narra a vida do actual presidente de Brasil abrirá o 17 de novembro o Festival de Brasilia.
En 2010 Brasil elixirá un novo presidente, que xa non será Lula da Silva. Antes de deixar o cargo, o dirixente do Partido dos Trabalhadores poderá ver como os seus primeiros 35 anos de vida se exhibirá en todas as salas de cine do país. O filme Lula, o Filho do Brasil estréase o 17 de novembro no Festival de Brasilia de Cinema Brasileiro.
Nunca a estrea dun filme brasileiro levantou tanta expectación dentro e fóra do Brasil. O biopic de Lula é a película máis cara da historia do cine dese país, cun orzamento de 12 millóns de reais (máis de 4,7 millóns de euros). Fábio Barreto é o encargado de dirixir a película, baseada nun libro da xornalista Denise Paraná. En 1994, ela centrou a súa tese de doutorado na biografía de Luiz Ignácio da Silva. Quince anos despois, o libro será relanzado en decembro co título Lula, a História do Filho do Brasil.
O filme conta a historia de Lula desde o seu nacemento en 1945 no sertão de Pernambuco ata 1980, cando se afianzou como líder sindical no cinto industrial de São Paulo, o chamado ABC paulista. A película chegará a máis de 400 cines do Brasil o 1 de xaneiro, e está previsto incluso que se proxecte en vilas do rural e barrios pobres das grandes cidades nos que non hai salas de cine. O filme non está exento de polémica política, especialmente polo feito de que se estree nos cines en pleno ano electoral.