Un estudo científico demostra que a desaparición desta sociedade se deben á destrución do seu ecosistema.
Os Nazca terían sobrevivido á catástrofe natural de non ser pola tala progresiva dos huarangos
O futuro da nosa civilización está estreitamente ligado co futuro do medio ambiente. Así o volve demostrar un estudo, publicado na revista Latin American Antiquity, na que se vencella a desaparición da cultura nazca (que habitaba Perú hai 1.500 anos) coa deforestación do seu entorno natural.
En concreto, os científicos afirman que o colapso desta sociedade estivo relacionada coa fin dunha árbore: o huarango. A destrución dos montes nos que habitaba esta especie, que xogaba un papel vital no hábitat ao protexer o fráxil ecosistema do deserto, provocaron un punto de inflexión que levou ao definitivo colapso ecolóxico. O huarango promovía a fertilidade e a humidade da terra e a súa tala masiva deixou á sociedade nazca vulnerábel aos eventos climáticos.
A excesiva deforestación uniuse aos efectos das inundacións de "El Niño" no ano 500 d.C. Até o de agora atribuíaselle a este desastre natural a desaparición dos nazcas, mais os científicos subliñan agora que cunha cobertura suficiente do huarango, os efectos non terían sido tan devastadores. Pola contra, mesmo resultarían positivos, ao repoñer os acuíferos. Así, o estudo conclúe que os cambios graduais inducidos polos humanos (tala de árbores) foron tan importantes para o colapso dos nazcas como os impactos climáticos.