Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ferrocarril en Galiza

Renfe grava os viaxeiros pola actualización da súa frota

Cobra ata un 14% máis nos novos trens entre Vigo e A Coruña a pesar de que tardan o mesmo ou máis que os “rexionais”.

Redacción - 16:30 04/11/2009

A dobre vía e a alta velocidade ferroviaria avanzan con paso lento en Galiza, pero Renfe xa se prepara para a mellora das infraestruturas coa modernización da súa flota. Só que, mentres esa mellora non se produce, a compañía pública traslada aos usuarios o pago dun plus de ata o 14% por facer nos chamados “Media Distancia” o mesmo percorrido, coas mesmas paradas e no mesmo tempo que o tren “Rexional”.

Renfe introduciu este verán en Galiza os trens da serie 599, que comercializa co nome de “Media Distancia”. A medida enmárcase nos acordos que a compañía subscribiu coa Xunta de Galicia para renovar o 50% dos trens que circulan polo eixo atlántico, entre A Coruña e Vigo. Os novos trens realizan na actualidade seis dos servizos diarios entre as dúas cidades. Renfe indica que paulatinamente substituirá todos os “rexionais” por este novo modelo, que na teoría pode acadar os 160 quilómetros por hora.

Máis caro, máis cómodo pero igual de lento
Coa situación actual das infraestruturas ferroviarias en Galiza, a substitución dun modelo por outro de tren non implica reducir o tempo da viaxe, senón que este se mantén. Así se dá o paradoxo de que o usuario paga 1,45 euros máis por facer o percorrido entre Vigo e A Coruña nun “Media Distancia”, a pesar de que este emprega nalgún caso máis de 3 horas para cubrir este tramo, o que supón ata 32 minutos máis que outros “rexionais”. O anuncio de que o “Media Distancia” substituirá completamente o “Rexional” implica que, á suba periódica do prezos do billete, súmase a substitución dun tren por outro máis caro.

Na liña Vigo-Ourense tamén se introduciu un tren “Media Distancia”. Facer o percorrido neste tren supón un aumento de 1,25 euros no prezo do billete, un 15,5% máis caro que no “Rexional”. Neste caso si se produce unha redución no tempo do traxecto: fai o percorrido en 1 hora e 52 minutos, entre 4 e 17 minutos menos que os trens máis vellos, segundo a hora do servizo.

A compañía xustifica o incremento do prezo polas melloras en confort: os novos trens contan con asentos fixos reclinábeis, monitores en todos os vagóns, enchufes en cada asento, luz individual de lectura, espazo para bicicletas e prazas para persoas con mobilidade reducida. Nos tres primeiros meses, 100 mil usuarios empregaron este servizo na liña entre A Coruña e Vigo.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: