Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CCOO analiza os orzamentos xerais do Estado

Insuficientes para a converxencia e sen avances para "a peor rede ferroviaria"

Comisións cualifica de "equilibradas" as contas do goberno español para Galiza, pero advirte das eivas que non axudarán a superar "o atraso investidor".

Redacción - 12:35 04/11/2009

"Non está discriminada" pero "tampouco ten un trato especial", expón CCOO-Galicia á luz dos orzamentos xerais do Estado para Galiza cara a 2010. Unha situación que no actual contexto de crise e á luz dos déficits históricos do país é preocupante, segundo a análise do sindicato, xa que "non abondaría para superar o atraso investidor acumulado".

"Son equilibrados para Galiza porque lle asignan unha participación superior ao seu peso demográfico", conceden desde o equipo de estudo de Comisións Obreiras ao respecto destes orzamentos. Así e todo, avisan de que, considerando o baixo grao de execución dos últimos anos, resultan insuficientes para que Galiza converxa cos valores medios en dotacións de infraestruturas, crecemento económico e nivel de renda.

Baixo esforzo a prol do tren
A análise é especialmente crítica no que lle toca ás infraestruturas ferroviarias xa que, lembran desde CCOO, Galiza sofre dun ferrocarril "do século pasado". Nese sentido, chaman a atención sobre as contas para o Eixo Atlántico, 230 millóns de euros, "insuficientes para o progreso actual das obras". Recordan que seguen sen asignar recursos para as conexións entre A Coruña e Ferrol e para o treito Vigo-Porriño, tramo este para o que só se licitou o estudo informativo complementario. "Segue esquecida a conexión coa fronteira portuguesa", subliñan. "Ao prazo de execución da obra hai que lle sumar o das instalacións de seguridade, electrificación e probas", sinalan, agoirando que nese contexto o eixo atlántico non estará operativo até máis aló de 2012.

Destacan no estudo de Comisións que a orografía do país aumenta os custos de construción respecto doutras partes do Estado, polo que ese maior custo por quilómetro debe ser considerado á hora de comparar as cantidades. Nesa liña, lembran que historicamente o investimento para o tren en Galiza "foi case nulo". "Por iso a rede ferroviaria galega está entre as peores de España: sen quilómetros de dobre vía, cunha baixa porcentaxe de tramos electrificados, moitos pasos a nivel, curvas de radio reducido e outras graves carencias que sitúan a velocidade do ferrocarril en medias propias da primeira metade do século XX", denuncian.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: