Rosa Quintana apunta á transformación e comercialización dos produtos pesqueiros e as axudas ás flotas de altura e gran altura como as outras prioridades.
A conselleira do Mar defendeu entre as prioridades do seu departamento a acuicultura e as axudas á pesca de altura
A Consellaría do Mar disporá para o vindeiro exercicio dun total de 221,7 millón de euros, que destinará, segundo explicou Rosa Quintana a tres eixos básicos de actuación: a transformación e comercialización dos produtos pesqueiros e marisqueiros, as axudas ás flotas de altura e gran altura e a potenciación da acuicultura. Ao conxunto destes tres piares destinaranse un total de 81 millóns de euros, é dicir, o 37% do total.
A conselleira subliñou o incremento dun 7% no investimento en pesca, un investimento que "permitirá que este departamento medre dende a perspectiva administrativa". Pola contra, a oposición denunciou que, realmente, os recursos caen un 10% fronte a 2009. A diferencia de cantidades atópase na achega de Portos de Galiza, que a lexislatura pasada dependía da Consellaría de Política Territorial e, polo tanto, contabilizábanse alí.
Desmantelamento do sector
O portavoz de Pesca do BNG, Bieito Lobeira, subliñou que as contas defendidas por Quintana obedecen a "unha falsa tese de austeridade". Cuestionou o seu xeito de investir os recursos e lamentou que "case a metade dos orzamentos se destinen ao desmantelamento do sector". Así, lamentou as partidas orientadas á eliminación de buques, á acuicultura industrial e á construción de portos deportivos.
Pola súa parte, a responsábel de pesca no PSdeG, Marisol Soneira, lembrou que o ano pasado fora o representante popular, Xosé Manuel Barreiro, quen avaliara a achega a pesca como "residual, insignificante e minúscula" e subliñou que a cantidade económica destinada agora a este fin non é maior.
Gastos de persoal e austeridade
A maiores, os dous partidos da oposición criticaron o incremento de gastos de persoal, unha cuestión que a conselleira atribuíu ao fortalecemento administrativo do seu departamento. Neste caso, recuperáronse tres subdirectores xerais e tres servizos dos que desapareceran en 2005.
Pola contra, a conselleira cuestionou estas críticas e responsabilizou ao goberno bipartito de "deixar o sector pesqueiro galego ao borde da ruina" ao tempo que acusou a socialistas e nacionalistas de "mentir e facer demagoxia".
Apoio ao marisqueo
Lobeira criticou que "as políticas de apoio ao sector marisqueiro e bateeiro se recortaron de xeito notábel" ao tempo que advertiu de que o orzamento da Dirección Xeral de Recursos Mariños baixou "un 36%, e polo tanto, vanse ver afectadas as partidas para o sector mexilloeiro, para seguros de mal tempo ou para os traballos de rexeneración de bancos de marisco". Ademais, alertou sobre o risco de que esta campaña se perda a produción, xa que a industria conserveira non a está a absorber, como si ocorre coas importacións.
Mentres, Quintana asegurou que mantén relacións co Igape para que "se financie preferentemente ás industrias conserveiras que traballen con mexillón galego". Ademais defendeu que a súa Consellaría realizará inversións en materia de infraestruturas e de mellora das embarcacións auxiliares que empregan os produtores do mexillón, así como na diferenciación do mexillón galego sobre o foráneo.