A nova plataforma de tradución de software libre, xurdida e autoxestionada pola comunidade, xa ten garantida a súa existencia para unha década, á marxe dos gobernos.
Unha das xuntanzas sobre localización cando Suso Baleato (á dereita) era coordinador de Mancomún
A incerteza sobre se a Xunta de Galicia, a través de Mancomún, seguirá a ofrecerlle apoio técnico á comunidade de tradución de software libre fixo que se constituíse a plataforma G11n.net. A iniciativa partiu da Ciberirmandade da Fala (CIF), aínda que está aberta a toda a comunidade, que decidirá cal será o seu funcionamento interno.
Segundo explicou Alexandre Prieto, da Ciberirmandade, a iniciativa materializouse despois de varios meses de traballo, até culminar co lanzamento oficial do sitio este luns. Antes do verán, coa alerta do desmantelamento de Mancomún, as CIF abriron unha mobilización e contactaron coa Secretaría Xeral de Modernización para coñecer cal era a súa postura. "Sorprendendeunos a falta de mobilización dos grupos de tradución", asegura Prieto.
A iniciativa de crear G11n.net comezou a recabar diversos apoios, entre eles o de Suso Baleato, que fora coordinador de Mancomún durante o anterior Goberno. Baleato considera que o papel de Mancomún no referente á tradución de software "xa é un peso morto", e que xa está cumprido. O labor de ordenar o "estado tribal" en que se atopaba antes a localización ao galego, de unificar o estilo e o léxico, "está aí, conseguiuse, está xa asumido, non pasa nada". Pero, o que se perdeu "son os recursos". A Xunta podíase permitir contratar empresas para que acometesen a parte máis dura da tradución, pero iso xa non acontece. "Hai un baleiro e xorde G11n", afirma Baleato.
A plataforma ten o obxectivo de "suplir ese instrumento con comunidade, optimizando esforzos" para "facer viábel a tradución de software ao galego con independencia do que fagan as Administracións públicas". Naceu aproveitando "unha situación de crise" para "que a xente vexa que a comunidade non pode depender das administracións".
Para poñer en marcha G11n fíxose unha copia de seguridade de todos os textos traducidos e aloxados nos servidores de Mancomún, e creouse "unha canle de comunicación". "Se a Administración decide corrixir o seu rumbo galegófobo e seguir a liña correcta marcada polo bipartito", no referido á tradución de software, "benvidos sexan", afirma Baleato. Pero ese traballo xa non se perdeu. "Non é unha plataforma política, só de tradución, e quen queira axudar, que axude", conclúe.
A parte económica
"Con cinco mil euros asegurouse a viabilidade da plataforma para os próximos 10 anos", afirma Baleato. Alexandre Prieto precisa que ese custo, que a primeira vista non parece tan elevado, é unha parte mínima do que supón o mantemento da plataforma, e que se suple coas achegas da comunidade: "A Ciberirmandade dálle o seu apoio total a esta iniciativa. Nós encargámonos directamente da administración da máquina. O custe do seu aluguer é o de menos". Suso Baleato salienta que conta co apoio de "expertos en administración de sistemas, en tecnoloxía computacional... xente de primeiro nivel internacional, repartida por todo o mundo, que puxemos o noso coñecemento, reducindo o custo desta infraestrutura".
Ese financiamento conseguiuse "mediante subscrición popular", explica Prieto. "As nosas contas son públicas. Sempre fixemos así e seguiremos facéndoo". Como membro da Ciberirmandade, expresou que "nós non queremos subvencións" nin depender economicamente das Administracións. "Non queremos poñer o logo da Xunta nin de ningunha institución que despois poidamos criticar", afirma, aínda que o xeito de financiamento de G11n.net será "o que decidan os usuarios. A plataforma está montada entre todos".
En G11n.net xa están operativos roldas de distribución, un servidor de IRC (chat), xestión de proxectos, unha wiki interna e outra pública, e iranse incorporando máis servizos co obxectivo de centralizar toda a tradución de software ao galego. "Nas primeiras 24 horas rexistráronse 27 persoas", anunciou Prieto.
Un proxecto perdurábel
A autoxestión e a independencia coa que nace G11n.net é un xeito de asegurar a supervivencia da súa actividade, "con independencia do que fagan os gobernos", explica Suso Baleato. "Aínda que prohibisen o galego, o noso traballo seguiría existindo, é unha iniciativa privada". A infraestrutura xa está montada e o traballo previo preservado. Agora só queda que a comunidade de tradución faga uso desa plataforma que, á súa vez, recabe o apoio de máis persoas voluntarias. A próxima e inminente data simbólica será o lanzamento da nova versión do sistema operativo Ubuntu, Karmic Koala, o 28 de outubro, onde se verá reflectido boa parte dese traballo.