A mostra itinerante "Antigos soños de mulleres Kichwas" percorre as vilas galegas amosando a súa loita por manter a identidade e a súa cosmovisión do mundo.
As mulleres Kichwas arrastran e aturan un dobre peso: o de ser indíxenas na Amazonía Ecuatoriana e a de ser mulleres nun mundo de homes. A ONGD Paz e Desenvolvemento organiza unha mostra itinerante que amosa, en imaxes, a súa realidade diaria. "Antigos Soños de Mulleres Kichwas" achéganos as súas loitas, as que veñen impulsando as mulleres nos ámbitos da saúde, a produción, a capacitación e a organización social, gardando a súa identidade e cosmovisión do mundo e da vida.
A exposición, que percorrerá diferentes vilas galegas, pódese visitar actualmente no Centro Comarcal da Ulloa (Palas de Rei) en horario de mañá e tarde de luns a sábado. Inclúe unha selección de 35 imaxes de Luís Vera (fotógrafo paraguaio de Cruz Vermella Suíza) e Raquel Clausí (fotógrafa valenciana e colaboradora de Paz e Desenvolvemento).
Estas imaxes dánnos a coñecer o proceso de empoderamento da muller indíxena kichwa, pertencente aos cantóns de Loreto e Tena, provincias de Orellana e Napo, na Amazonía ecuatoriana. Precisamente nesta zona está a traballar esta ONGD, dentro do ámbito das prácticas de saúde intercultural, educación intercultural bilingüe, fortalecemento organizativo, así como a creación e xestión de recursos a través de alternativas económicas sustentábeis.