“Compre sumar a prol da lingua”. Esa era a portada do anterior número de Irimia e iso foi o que se puido ver o 18 en Santiago: unha gran suma (máis de 50.000 persoas) na defensa do noso idioma. Así comeza esta breve reflexión de Lupe Cendal sobre lingua, sociedade e partidos políticos.
Os que están dalgunha maneira en contacto coa normalización saben (e penso que os que non o están tamén) como se xestou esta manifestación e quen está detrás da plataforma que a convocaba. Que unha organización política (neste caso o BNG) tome a iniciativa e poña en marcha toda a súa maquinaria para mobilizar a sociedade galega na defensa da súa lingua é de agradecer. Como tamén é de agradecer a presenza do PSOE e dun ministro de Zapatero (sabendo que lle vai caer enriba a dereita mediática) ou a de miles e miles de persoas que sen pararse a mirar a militancia ou militancias dos que sostiñan as pancartas se puxeron detrás delas. O problema é que todos sabemos que a “xenerosidade” partidista non existe e que chegará o momento no que queiran tirar réditos do seu investimento. E aquí está o nó da cuestión. Mentres a defensa da lingua se entenda como unha estratexia de partido e se queira patrimonializar no beneficio propio, as posibilidades de éxito son poucas e, de habelas, van ser sempre vistas como unha “imposición” dunha parte sobre a outra. Mentres os que sosteñen as pancartas no escenario teñan unha determinada filiación e os que toman a palabra teñan recoñecida militancia, aínda que saian á rúa 50.000 persoas a estratexia sempre vai ter flancos débiles doados de atacar (para mostra a entrevista de Carlos Luis Rodríguez a Carlos Callón no programa Foro aberto da TVG).
Se queremos un futuro para a nosa lingua é preciso que sexa a sociedade civil a que asuma o protagonismo da súa defensa e que as forzas políticas e os seus satélites se poñan na segunda fila. E poñerse na segunda fila significa animar sen tutelar, participar sen impoñer, alentar sen fagocitar e, sobre todo, renunciar a saír na foto porque, como dicía Henrique Monteagudo hai uns días nunha entrevista, “a excesiva identificación do galego co nacionalismo é malo para o galego e malo para o nacionalismo”. E quen sabe, se a longo prazo, incluso, esa estratexia non lles daría mellores réditos!