O PP desconfía da viabilidade do proxecto para a planta de Outeiro de Rei. A oposición repróchalle o millonario apoio a unha queixería de Valladolid.
O pasado mes de maio houbera unanimidade no Parlamento para a aprobación dunha iniciativa que instaba o Goberno a mirar pola supervivencia da planta leiteira de Outeiro de Rei. Un consenso parlamentario que chegaba despois de que o Grupo Pascual, propietario da factoría, anunciase un expediente de regulación de emprego para a fábrica.
Mais cinco meses despois, e cando á Cámara chega unha proposta concreta cara ao futuro da planta, esvae o presunto consenso dos grupos parlamentarios. Así, a maioría absoluta do Partido Popular botou abaixo a iniciativa que, achegada polo BNG, reclamaba o apoio e a implicación activa da Xunta en favor da alternativa empresarial proposta polas cooperativas agrarias galegas para facérense coa fábrica de Pascual en Outeiro de Rei.
O PP dubida da viabilidade do proxecto
O proxecto das cooperativas para a planta leiteira conta co aval dunha consultoría independente que defende a viabilidade da iniciativa empresarial durante a próxima década. Unha iniciativa que, ademais, prevé o mantemento de 155 postos de traballo e garantías para a recollida e a transformación do leite.
Así e todo, desde o PPdeG amósanse escépticos sobre o futuro da planta baixo a pilotaxe das cooperativas. Así se desprendeu das declaracións da voceira de Medio Rural do grupo parlamentario popular, Isabel García Pacín, quen afirmou que a administración "non pode apoiar proxectos que non ofrezan garantías de ser viábeis por si mesmos". Asegurou Pacín que o seu grupo apoiará calquera proxecto que garanta a viabilidade de futuro con independencia das axudas que poida achegarlles a Xunta para o seu funcionamento. Ao fío, xustificou o voto negativo do PP á iniciativa do Bloque no rexeitamento a emendas que incluísen garantías "irrenunciábeis" para esa viabilidade.
Novo pau despois da derrogación eólica
As principais cooperativas agrogandeiras do país non ocultaban a aspiración clave de botar adiante o proxecto de grupo leiteiro de base cooperativa aproveitando a inxección económica derivada da concesión eólica do bipartito. Esa era xustamente a iniciativa estrela asociada á captación no concurso eólico dos 192 megavatios a través da sociedade Ventos Cooperativos. Un proxecto que queda agora no aire despois da derrogación do proceso impulsada polo actual executivo.
"Se no canto de estamos a falar do sector do leite se falara da empresa automobilística, sería igual o comportamento?", insinuaba este mércores no Parlamento a deputada nacionalista Tereixa Paz ao respecto da ausencia de diálogo ao respecto deste asunto por parte do Goberno. A voceira do BNG para o Medio Rural subliñou a necesidade de apoiar a iniciativa en favor da vertebración do sector leiteiro e como "xerme para avanzar na creación do gran grupo de base cooperativa galego". A deputada ourensá cualificou de "escusas" e "argumentos baratos" as argumentacións do PP para rexeitar a iniciativa. "Un goberno que mereza chamarse Goberno arrastraría as caixas para conseguir o financiamento, de tal xeito que xa non tería que intervir o Igape", opinou. "Non piden subvención, senón apoio", engadiu Tereixa Paz, insistindo en que a participación financeira necesaria "é ridícula".
O PSdeG censura a renuncia da Xunta a apoiar un sector estratéxico
Os seis millóns de euros entregados pola Xunta, "a unha única empresa", a vallisoletana Quesería Entrepinares, serviron este mércores para que a deputada socialista Sonia Verdes denunciara o agravio comparativo que, na súa opinión, comete o Goberno neste caso. Reprochou a voceira socialista que a Consellaría de Medio Rural resolvese "axilmente" a subvención a esa empresa para instalar un proxecto en Galiza mentres ao tempo evita comprometerse cos gandeiros do país.
A deputada do PSdeG remarcou o apoio do seu grupo á compra da planta de Pascual por parte das cooperativas e definiu a posíbel operación como importante chanzo para a creación dun grupo lácteo galego. Engadiu Verdes que para a posta en marcha do proxecto "é imprescindíbel a participación e implicación de Medio Rural". A voceira do PSdeG recordou que a iniciativa está na mesa da consellaría desde o pasado mes de xuño, subliñou os estudos que avalan a idea e felicitou a "aposta decidida" e o "gran esforzo" das cooperativas por defender os intereses dos gandeiros galegos.