A billarda estrea himno, con letra de Xabier Cordal, diante dos próximos enfrontamentos da selección galega con Asturies e Euskadi.
“Nace a Auténtica en campo liberado, / que pase a historia, que cuspa nas mans”, así comeza a letra de “Billarda Sempre”, o Cantar da Auténtica que o escritor Xabier Cordal preparou para a selección galega de billarda. Unha peza de alento épico, como todo himno que se prece, que podería xa soar no vindeira xira internacional de Galiza polas costas cantábricas: o 8 de novembro enfrontarase a Asturies en Avilés ou Xixón, e o 14 do mesmo mes unha delegación galega participará en Pasaia no primeiro aberto de txirikila-billarda en terras vascas.
Os músicos enrolados na Liga Nacional de Billarda traballan xa en dotar de música o cantar. Xunto a unha versión coral, é probábel que o himno se rexistre tamén en clave de rock e de jazz. Polo de agora, só está dispoñíbel unha versión lo-fi para que poidan practicar os máis de 250 palanadores e palanadoras que participan esta tempada nas catro conferencias da LNB: Norleste, Noroeste, Sur e Centro.