Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Ruta literario-artística

Trece esculturas para trece poemas de Fiz Vergara

Dúas novas pezas de Mónica Alonso e Manolo Caamaño engádense ao percorrido polo roteiro do poeta no Val de Lóuzara, en Samos.

Redacción - 12:35 14/10/2009

Hai nove anos que a Asociación Cultural Ergueitos e o Concello de Sarria organizan o premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, e nove anos que o celebran cun percorrido polo entorno da casa do poeta no Val de Lóuzara. Ese roteiro cobra desde este ano unha nova dimensión ao converterse nun parque escultórico coas intervencións de trece artistas plásticos galegos. Dúas novas obras veñen engadirse ao conxunto: unha de Mónica Alonso e outra de Manolo Caamaño.

“Con esta iniciativa queremos fixar dunha maneira máis física o roteiro”, explica María Casar, presidenta da Asociación Cultural Ergueitos. Ao igual que durante anos percorrían o val os escritores que viñan visitar ao poeta, o roteiro ábrese agora aos que ao longo do ano queiran achegarse ao Val de Lóuzara, en Samos. Ao seu valor literario e artístico suma as creacións plásticas dalgúns dos máis importantes escultores do país.

A peza de Mónica Alonso é unha reprodución a escala da cama do Fiz en metacrilato vermello, que foi instalada dentro da Fonte da Cova, un lugar emblemático na obra poética de Fiz Vergara. Caamaño realizou unha peza en cerámica para situar no punto final do roteiro, preto do lugar chamado Pedra do Río no Pozo de Beltrán.

Con estas xa son seis as pezas instaladas dun total de 13 que conforman o roteiro. Súmanse ás de Fernando Yáñez, Álvaro de la Vega, Violeta Bernardo e Paco Pestana. Nas próximas semanas instalaranse as sete que restan, creadas por Paco Poy, Suso Otero, Primitivo Lareu, Caxigueiro, Buciños, Eduardo Valiña e Miguel Macía. Cada peza instálase nun lugar do percorrido ao que Fiz Vergara dedicou un poema.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A peza de Mónica Alonso
A peza de Mónica Alonso
Momento da instalación da peza de Mónica Alonso
Momento da instalación da peza de Mónica Alonso
A peza de Manolo Caamaño
A peza de Manolo Caamaño
Momento da instalación da peza de Manolo Caamaño
Momento da instalación da peza de Manolo Caamaño
O escritorio do Fiz Fiz Vergara: Un roteiro polos 'eidos da bremanza'