Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Eduardo Maragoto, 'Galego Sempre Mais'

"Queremos que se supere a condición do galego como lingua rexional"

A plataforma, constituída arredor do movemento reintegracionista, participará tamén na manifestación do 18 de outubro cun cortexo de cor laranxa.

Modesto del Río - 09:30 14/10/2009

Eduardo Sanches Maragoto é un dos impulsores da plataforma Galego Sempre Mais, creada para defender a normalización da lingua galega dende a perspectiva do reintegracionismo. Como xa fixera no 17 de maio, Galego Sempre Mais estará presente na mobilización do 18 de outubro, aínda que cun cortexo diferenciado.

Vieiros: Como xurdiu Galego Sempre Mais?

Eduardo Maragoto: A plataforma xa xurdira con motivo da manifestación do 17 de maio. Desde hai anos, o reintegracionismo expresouse a través de diferentes colectivos, actividades, centros sociais... pero veuse a necesidade de conformarse dun xeito máis forte. Temos un proxecto normalizador moi claro para a lingua, pero precisabamos unha voz máis forte nestas mobilizacións. Xa na manifestación do 17 de maio decidimos constituír a plataforma, para apoiar o movemento normalizador e tamén darlle un futuro á actividade.

E cal é a súa principal diferenza cos outros grupos na defensa da lingua que apareceron recentemente?

Podemos dicir que a principal diferenza é que está centrada no reintegracionismo. Temos problemas para considerar o marco normativo actual para a normalización lingüística. Cremos que a lingua sen o reintegracionismo ten pouco futuro e non vai poder adherirse a novos retos. Cremos que é preciso a súa visibilización. O reintegracionismo sempre estivo no movemento normalizador e está no ideario de xente que non se escribe nesta normativa.

Participarán conxuntamente na manifestación do sábado 18 ou farano dalgún xeito diferenciado?

Temos un manifesto propio, Contra o bilingüismo, pola hegemonia social do galego. Imos levar un cortexo diferenciado, cunha faixa con esa mensaxe e coa nosa simboloxía, que estará baseada na cor laranxa. Imos dividirnos ao final para acabar no Toural. Alí leremos o noso manifesto. Queremos que se vexa a forza que temos.

Seguirán apoiando todas as iniciativas a prol da lingua?

O que temos decidido é apoiar calquera mobilización de movementos a favor da lingua e que se supere a condición do galego como lingua rexional. Queremos que sexa considerada unha lingua internacional. Se o contexto do movemento normalizador non o fai, teremos que facelo nós, pero apoiaremos todas esas iniciativas. O 17 de maio foi un ensaio que saíu bastante ben. Xuntámonos unhas mil persoas. Queremos repetilo, sentar as bases para unha plataforma que se prolongue no tempo e ter unha dinámica con máis actividades nos centros sociais.


4,05/5 (37 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Membros da plataforma. Á dereita, Eduardo Sanches Maragoto
Membros da plataforma. Á dereita, Eduardo Sanches Maragoto
Cartaz de Galego Sempre Mais
Cartaz de Galego Sempre Mais