Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Paro na empresa eólica LM Composites

Cos megavatios parados, traballadores do sector en precario

A paralización do concurso eólico e o déficit de investimento en I+D, atrancos para o futuro da planta que fabrica pas eólicas n'As Pontes.

Redacción - 14:00 13/10/2009

Durante toda a xornada deste martes, os traballadores da empresa LM Composites na localidade d'As Pontes realizan un paro en protesta pola actual situación da factoría. Noventa familias do contorno do Eume e Ferrolterra sofren desde hai semanas a incerteza sobre o futuro desta planta industrial.

Unha crise empresarial que, paradoxalmente, coincide no tempo coa gorentosa adxudicación de megavatios que, en boa lóxica, debera estar inxectando dinamismo sobre todas as empresas que no país traballan neste sector. A situación, xa que logo, é un motivo máis para o enfado dos traballadores que, por este motivo, denuncian a incerteza engadida que a recente paralización do concurso eólico bota sobre o futuro dos seus postos laborais.

O pau engadido da derrogación do decreto
LM Composites mantén na actualidade conversas coa Xunta e, o pasado 3 de outubro, administración e empresa dábanse un prazo dun mes para atopar saída ao entullo. Malia iso, os traballadores non son optimistas.

Celso Barro, delegado sindical da CIG, explica que LM xa lle fixo saber ao cadro de persoal que, baixo a súa postura, a bola está no tellado do Goberno e que, de non existir un compromiso claro, o actual expediente de suspensión que mantén a metade dos empregados na casa podería converterse nun expediente de extinción. O malestar é maior ademais pola negativa da empresa a que os representantes dos traballadores asistisen á última reunión de LMC cos representantes da Consellaría de Industria. No fondo, o burato aberto por Industria no futuro do sector despois de iniciar a derrogación do decreto eólico, aparece como freo clave para a empresa no actual contexto de crise. A decisión do novo executivo implica non só o adiamento do proceso no tempo, senón o propio descoñecemento sobre os potenciais clientes que, ao abeiro dun novo proceso de adxudicación puideran darlle a volta ás concesións anteriores.

Déficit de investimentos na fábrica
A factoría pontesa de LM Composites enfronta un problema engadido, derivado da súa infraestrutura obsoleta. "Isto era un proxecto vangardista hai quince anos, pero o mercado e a tecnoloxía evolucionaron, e foise quedando pequena", láiase Celso Barro, reprochando a falta de investimento no proxecto por parte da empresa matriz, á que os traballadores lle atribúen falta de esforzo en I+D+i.

De xeito concreto, chaman a atención sobre a ausencia de capacidade da planta do polígono dos Airíos para producir pas de gran tamaño para os muíños de vento, as que o mercado eólico demanda en maior número agora mesmo. Na actualidade, a fábrica das Pontes está limitada á construción de pas de até 29 metros, con demanda decrecente nun sector que busca maior rendibilidade nos parques eólicos. Nese contexto, agoiran os traballadores que, aínda no estremo de que un desbloqueo do concurso puidese xerar novos encargos, LMC podería derivalos cara ás fábricas que ten en Ponferrada ou Castellón. "A este paso vémonos todos na rúa no mes de xaneiro", advirten.


4,5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: