Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Alberto Pena, do Consello da Cultura Galega

"Os Açores e a Galiza comparten a idiosincrasia de seren 'illas' atlánticas"

'Comunidades Euro-Atlânticas nos EUA. Experiências da Emigraçâo da Galiza e dos Açores', é o título do coloquio que se organiza en Faial.

Fernando Arrizado - 13:30 13/10/2009

A Fundação Luso-Americana, o Centro de Estudos Sociais da Universidade dos Açores, o goberno autónomo do arquipélago e o Consello da Cultura Galega colaboran na organización do coloquio 'Comunidades Euro-Atlânticas nos Estados Unidos da América. Experiências da Emigraçâo da Galiza e dos Açores', que se desenvolve esta cuarta, quinta e sexta feiras na cidade da Horta, na Ilha do Faial.

Unha vintena de relatores oriúndos dos Açores, Portugal continental, EUA e da Galiza participarán nestas xornadas co fin de analizar o contexto histórico das correntes migratorias azoriana e galega ao país norteamericano, as súas características comúns, as relacións creadas entre ambas as dúas comunidades e a visión e a influencia destas nos seus territorios de orixe.

Alberto Pena, membro da Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega e principal impulsor e coordinador do coloquio, sinala que o seu principal obxectivo é o de servir de "ponte de intercambio cultural" entre dous pobos que teñen unha "idiosincrasia común": forman parte da lusofonía; as súas economías baseáronse tradicionalmente na pesca e no agro; e Galiza viviu de sempre como se fose, ao igual que os Açores, unha illa no Atlántico. "Até a construción das autovías foi como unha illa dentro da península", afirma Pena.

Azorianos e galegos coincidiron principalmente na costa leste dos EUA, en Nova York, Nova Jersey, Newark, Washington, ... onde recabaron os nosos compatriotas, se ben os primeiros abarcaron todo o país, así como tamén o Canadá.

Alberto Pena recoñece que cuantitativamente a emigración galega a territorio estadounidense é moito menor ca que se deu na Arxentina, Venezuela e outros estados latinoamericanos. Calcúlase que entre 20 mil e 30 mil galegos, incluíndo a segunda xeración alí nada, residen nos EUA. Porén, salienta o seu interese pola adaptación que lles supuxo adaptárense a un xeito de vida completamente diferente.

As xornadas desta semana -"pioneiras, que eu saiba, a nivel cultural académico", di Pena- abordarán as seguintes temáticas: "Emigração, História e Memória em Portugal e na Galiza"; "Comunicação e Emigração nos EUA"; "Emigração e Comunicação Social Portuguesa e Galega"; "Emigração, Economia e Recursos Humanos nos EUA"; "Emigração e Inovação: os Novos Desafios para as Relações Atlânticas"; "Diplomacia, Cultura e Emigração"; e "Experiências Empresariais".


Ligazóns

4,29/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: