As empresas culturais do Estado Español aseguran que só sería rendíbel se Zapatero prohibe as descargas na internet.
Web británica en que se basaría a idea
A industria cultural do Estado Español, organizada arredor da Coalición de Autores, prepara o lanzamento dunha "macroweb" de descargas "legais" para o primeiro trimestre de 2010. A iniciativa poñeraa en marcha a entidade, integrada polas empresas editoras e as sociedades de xestión de dereitos de autor, co apoio da industria estadounidense.
Segundo publicou El País e se fixo eco a prensa internacional, o portal dispoñerá dun "potente buscador" que permita localizar con facilidade un determinado contido e proporcionará ligazóns con tendas en liña, como iTunes ou Amazon, para mercalos. Anúnciase que contará con filmes, series e até cinco millóns de cancións.
Porén, para que se garanta o éxito da iniciativa, a patronal musical está a presionar o goberno español para que poña en marcha unha lexislación que prohiba as descargas "ilegais" na internet. Tamén contan con que o servizo ofreza un "bo servizo" e unha "oferta legal alternativa accesíbel e amigábel".
O feito de que na iniciativa, que pretende emular e ampliar a idea do portal británico FindAnyFilm.com, tamén participe a industria estadounidense, e que este lobby xa denunciou en varias ocasións a "pirataría" que se produce no Estado Español fai que resulte probábel que este tema se trate na xuntanza entre o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, co seu homólogo estadounidense, Barack Obama.