Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Primeiro Encontro de Didáctica

Profesorado de portugués debate sobre a situación do ensino do idioma en Galiza

Esta fin de semana desenvólvense na EOI de Compostela unhas xornadas en que se analizarán os beneficios de aprender portugués.

Redacción - 11:58 10/10/2009

Esta fin de semana ten lugar na Escola Oficial de Idiomas de Compostela o primeiro Encontro de Didáctica do Portugués, organizado pola asociación DPG (Docentes de Português na Galiza), coa colaboración do Instituto Camões.

Entre o sábado e o domingo debaterase a situación do ensino de portugués nos estabelecementos de ensino secundario e superior e nas EOI. Outro dos cometidos da iniciativa é intercambiar experiencias didácticas entre os profesionais do ensino da lingua portuguesa.

Así, as dúas xornadas terán un enfoque práctico. A meirande parte dos relatores serán docentes de ensino secundario ou de EOI. Tamén intervirá Paulo Feytor Pinto, presidente da Associação de Professores de Português de Portugal, que falará de Competencias Orais na Didáctica do Portugués.

Os participantes tamén debaterán sobre a situación do ensino da lingua portuguesa, despois de que o presidente da Xunta manifestase a intención de introducila como segundo idioma no ensino primario e secundario. Segundo un traballo realizado pola DPG, máis de 20 institutos galegos imparten clases de portugués, en todos os casos grazas ao labor do profesorado de galego e sen que se crease nin unha soa praza de lingua portuguesa, xusto o contrario do que acontece en Estremadura. Os beneficios desta política en termos culturais e económicos tamén se tratarán nestes primeiros encontros.


4,25/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: