Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE LÁCTEA

"Non queremos subsidios, o que queremos é prezo"

O Sindicato Labrego Galego alerta que a posíbel creación dun mercado de futuros deixará en mans de "especuladores bolsistas" o abastecemento dun produto tan básico como o leite.

Redacción - 14:05 08/10/2009

Nos últimos días, a posíbel creación dun mercado de futuros para o leite está a converterse na repetida e reiterada proposta dos políticos para solventar as continuas crises que afectan os gandeiros europeos. Así o adiantou a comisaria europea de Agricultura, Mariann Fischer Boel, e así o referendou a ministra española, Elena Espinosa. Esta medida suporía asinar un contrato que obrigaría as partes a mercar e vender cun prezo estabelecido de antemán. Con todo, este modelo inclúe un alto grao de especulación porque se basea sobre cálculos de comportamento e previsións sobre a oferta e demanda.

Para o Sindicato Labrego Galego (SLG) que se baralle esta opción é "moi preocupante". Carme Freire, secretaria xeral, entende que unha decisión política neste sentido "deixaría o mercado do leite nas mans dos poderes bolsistas, económicos e especulativos". Dunha banda, sairían prexudicados os gandeiros, porque é previsíbel que as grandes multinacionais xoguen coas posibilidades que lles ofrecería este sistema, como o aprovisionamento de materia prima para conseguir unha suba de cotizacións. Isto deixaría nas mans do "terrorismo económico e social" o futuro das explotacións lácteas galegas, por outra parte importantes na economía e vertebración do país.

Mais esta mudanza de modelo tamén levaría canda si un importante prexuízo para a sociedade, en tanto que consumidora. "Temos que entender que o abastecemento dun produto tan básico como é o leite, fundamental na alimentación, dependería destes especuladores bolsistas". En resposta, o SLG demanda os poderes europeos unha aposta decidida en dous eixes que consideran fundamentais: o control da produción e a aprobación dunha normativa que impida que o prezo do leite non cubra o seu custe de produción. "Non é máis que unha decisión política", insiste Freire, "é unha medida que non custaría nin un euro".

As axudas públicas, para só un 5% das explotacións
Os gandeiros tamén lamentan a estendida opinión, en moitos casos promovida polos propios políticos e repetida polos medios de comunicación, de que están a recibir moitas axudas públicas. O SLG subliña que só o 5% das explotacións europeas levan a meirande parte das subvencións (o 65%), é dicir, a maior porcentaxe destes cartos van parar ás grandes granxas que, ademais de producir en elevadas cantidades, contan con importantes extensións.

Carme Freire destaca que outro tanto sucede coas subvencións promovidas pola Xunta: "é falso que o sector reciba como axuda directa nin un só euro dos 110 que anunciou por exemplo Medio Rural". Recorda que estes cartos anunciados se destinan ás entidades bancarias, o que, á súa vez obriga aos gandeiros a tramitar préstamos para dispoñer de capital, afogándose aínda máis na súa propia situación económica.

"Nós non queremos axudas, o que queremos é prezo", destaca Freire, "queremos vivir do noso traballo, cubrir os custes de produción". Finalmente, o SLG exixe que a UE que dea marcha atrás e non continúe a aumentar a produción anualmente (a ritmo dun 1% até o 2015) e entende que a exportación non é a solución: "non queremos trasladar o noso problema a outros países, invadindo mercados de estados de fora da Unión cuns prezos máis baixos e competindo con técnicas que tanto criticamos como o dumping".


Ligazóns

3,67/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Só o 5% das explotacións lácteas perciben o 65% das axudas públicas
Só o 5% das explotacións lácteas perciben o 65% das axudas públicas
Carme Freire alerta que a creación dun mercado de futuros é prexudicial tamén para o consumidor
Carme Freire alerta que a creación dun mercado de futuros é prexudicial tamén para o consumidor
Os gandeiros levan manifestándose nas rúas dende hai meses
Os gandeiros levan manifestándose nas rúas dende hai meses