A revista cultural Extramuros presenta en Pontevedra un número adicado á expresión lírica do noso país.
Versos de Roalía de Castro e Curros Enríquez, pero tamén dos poetas contemporáneos. A revista cultural cubana Extramuros dedicou un dos seus últimos números á poesía galega. Agora preséntase en Galiza, cun recital o mércores 7 organizado polo Ateneo de Pontevedra, no que participan Xosé María Álvarez Cáccamo, Miguel Anxo Fernán Vello, Eva Veiga, Francisco Castro, Carlos Fontes e Lucía Novas.
Estes poetas son algúns dos incluídos no número 25 de Extramuros, xunto con José Ángel Valente, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Luís Pimentel, José Luis Prado Nogueira, Luísa Villalta e Vicente Bugallo Rey. A publicación preséntaa en Galiza o xornalista e poeta cubano Félix Contreras, autor da compilación e do prólogo e notas que acompañan as creacións literarias galegas, ilustradas por Lázaro Henríquez.
Este número da revista fora presentado anteriormente na Feira Internacional do Libro da Habana, onde contou cunha grande acollida. A revista cultural Extramuros publícase na capital cubana con frecuencia cuadrimestral desde hai dez anos, co lema “De la ciudad, imagen y palabra”. Adica as súas páxinas á vida cultural da cidade, prestando atención tanto á recuperación da memoria histórica como á promoción de novas voces artísticas contemporáneas.