Invitou á colectividade galega a constituír "unha coalición civil de ampla base".
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apostou hoxe por crear unha "rede de intereses galegos" co obxectivo de que Galicia sexa "escoitada e considerada" e teña "influencia" na Unión Europea (UE). Durante un encontro en Bruxelas con representantes da colectividade galega, o dirixente autonómico mostrou o seu desexo de que Galiza "sexa atendida" nas políticas públicas europeas "como lle corresponde, por status, entidade e historia". "Queremos lanzar unha nova modalidade de influencia, operando máis en rede que como grupo pechado e promovendo os intereses xerais galegos", defendeu.
Así, avogou por "facer valer" os intereses galegos facendo chegar ás administracións "toda a información relevante, diseccionando os problemas, as súas solucións e as súas alternativas dende máis dun enfoque". "Non o facer así, cando outros o fan, suporía unha rendición e un abandono gratuíto do terreo de xogo europeo", insistiu. Por iso, Feijoo invitou á colectividade galega a constituír "unha coalición civil de ampla base" para "facer presente no debate continental as prioridades, necesidades e aspiracións" de Galiza. A maiores, remarcou que esta "rede" non se limitaría ao ámbito político, senón que "debe ser unha ferramenta de proxección" da "realidade galega" en "tódolos ámbitos".
Finalmente, animou á colectividade galega en Bruxelas a participar nos actos culturais que se celebrarán en Santiago con motivo do Ano Santo. "Representa unha oportunidade excepcional para que todos estes obxectivos estratéxicos poidan alcanzarse", reflexionou.
Modelo de PAC
Como exemplo de "prioridade" galega a defender na UE sinalou "un determinado modelo" de Política Agraria Común (PAC) e a defensa dun sistema baseado nunha estrutura produtiva compartida "por non poucas rexións atlánticas".
A maiores, interpretou que a promoción da seguridade alimentaria na Unión, tanto no referido á salubridade das subministracións coma á súa regularidade, é "algo indispensable para Europa como actor global".
Neste sentido, acusou de "perigosa" a "dependencia alimentaria europea". "Deste modo, o vital para Galiza é non menos vital para a Unión Europea e para o conxunto dos seus cidadáns", concluíu o máximo mandatario galego.