Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Creará a 'Axencia Augas de Galicia'

Tarifa social e fomento do "uso racional", obxectivo da próxima lei de augas

O proxecto, que fora prometido para os cen primeiros días de goberno, chegará ao Parlamento cara á fin de ano. O Goberno di que suporá, no caso máis desfavorábel, un euro máis ao mes.

Redacción - 18:35 05/10/2009

A lei de augas que ten en preparación a Xunta e de cuxo anteproxecto falou este luns o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, fixará o estabelecemento dun novo "canon da auga". Segundo explicou Hernández, a substitución do actual canon de saneamento ten o obxectivo básico de fomentar o uso racional da auga e o seu aforro. O canon financiará "única e exclusivamente as actuacións en materia de abastecemento, saneamento e explotacións de depuradoras de augas residuais".

O conselleiro destacou que para os fogares o canon dependerá do número de residentes na vivenda, terá en conta as familias numerosas e disporá dunha tarifa social. A estrutura tarifaria fixa catro treitos de consumo de xeito que queden exentos da taxa variábel os consumos do primeiro destes tramos: até 6 m3/mes para as familias de 3 persoas, até 8 m3/mes as familias de 4 persoas, e até 10 m3/mes as familias de 5 persoas. Aseguran desde o Goberno que toda familia que non supere o límite do primeiro treito pagará menos que co actual canon de saneamento e que no caso máis desfavorábel, unha vivenda de entre tres e catro persoas sufriría apenas un incremento dun euro na factura mensual.

A Xunta anuncia ademais que, cara á xestión máis eficiente, funcionará a chamada Axencia Augas de Galicia, entidade que fusionará o que na actualidade é o Organismo Autónomo Augas de Galicia e a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, e que a partir da entrada en vigor da lei, pasarían a estar nun único aparato administrativo. Defende o executivo que se trata dunha medida que atende ao compromiso de austeridade e dará flexibilidade organizativa evitando duplicidades e favorecendo a eficacia na administración e xestión hidráulica. Outra novidade salientábel é a porta á participación pública, a través do chamado Consello para o Uso Sostíbel da Auga, un órgano que lle daría voz a cidadáns e a distintas entidades, públicas e privadas, con competencias e intereses vencellados á auga.

En fase de anteproxecto
A prometida lei de augas aparecía na lista de iniciativas que o equipo do PP á fronte da Xunta aseguraba que botaría adiante dentro dos cen primeiros días de goberno. O pasado mes de xullo xa fora moi criticado pola oposición o feito de que o executivo definise de "anteproxecto" da devandita lei un informe chegado ao Consello no que a consellaría de Medio Ambiente simplemente falaba da necesidade dunha nova lei. "Mentiron para agochar o incumprimento", acusaba daquela a deputada socialistas e ex conselleira Carme Gallego.

Desta volta, Agustín Hernández asegurou que este mesmo luns o anteproxecto estaría na man da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e consultábel na web do Goberno onde os cidadáns poden deixar as súas achegas. Asegurou tamén que estará no Parlamento antes de que remate o ano. Afirmou Hernández que con este texto a Xunta "asume o reto de facer do abastecemento, o saneamento e a depuración das augas un sistema óptimo no ambiental, no económico e no social". "Nin a Xunta nin a sociedade galega poden asumir por mais tempo o estado actual das augas, con continuos problemas de vertidos e con mais de 7 mil puntos contaminantes", dixo, subliñando necesario "estabelecer medidas de choque que permitan acadar o que estabelece a Directiva Marco da Auga, é dicir, que as nosas rías, ríos, embalses e humedais estean nun bo estado ecolóxico no ano 2015".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: