O escritor volve sobre o seu libro de relatos acompañado de Magín Blanco en catro luns de narracións, música e improvisación.
Primeiro foi o libro, Palabras contadas, unha colección de microrrelatos editada por Xerais no 2006. Despois chegou a exposición na Fundación Luís Seoane da Coruña, a xira de actuacións por todo o país e un videoclip asinado por Antón Reixa. Dous anos despois de darlle nova vida ao seu libro de relatos na forma dun espectáculo narrativo-musical, Camilo Franco volve acompañado de Magín Blanco a presentar o seu espectáculo en directo, nunha nova versión ao longo dos catro luns de outubro.
A volta de Palabras contadas prodúcese este luns 5 ás 22.30 horas na Casa das Crechas, de Santiago de Compostela. Virán logo os outros tres luns de outubro, ao longo dos que Franco e Blanco desenvolverán a “versión estendida” do seu espectáculo. O único que non cambiará son os protagonistas. A música, os relatos e as improvisacións mudarán cada noite.
Camilo Franco descríbeos como “catro luns de outubro, como nunha película británica de espías, catro luns seguidos para explicarse ben, para que o espectadores participen polo morro nun relato que comezará o primeiro e rematará o último coas achegas dos asistentes”. Ese relato que o escritor creará a medias co público servirá para construír unha historia que concluirá o 26 de outubro. O espectáculo complétase coa proxección de Amor e fluídos, o “primeiro videoclip da narrativa galega” que realizou Antón Reixa a partir do relato homónimo de Camilo Franco.