Comités de expertos supervisarán a función pública da entidade privada sen ánimo de lucro. O Departamento de Comercio manterá unha praza fixa.
A ICANN seguirá a 'gobernar' a internet, despois de que algúns países tentasen crear un organismo paralelo para compensar o dominio que os EUA tiñan sobre a entidade. A corporación que se encarga de regular a concesión de nomes de dominio asinou un novo acordo cos Estados Unidos, de xeito que o goberno dese país seguirá a ter unha praza fixa nos seus comités de supervisión, aínda que se abre a participación a expertos internacionais.
A Unión Europea xa amosou a súa satisfacción pola medida, ao garantir que a ICANN estará controlada agora por grupos independentes e non polos EUA. O propio Departamento de Comercio estadounidense expresou que "este marco pon o interese público no centro e estabelece procedementos para que persoas interesadas de todo o mundo poidan revisar a súa actuación".
O cuartel xeral da ICANN seguirá a estar en California e a rexerse polas súas leis. Aínda así, agora será a descentralización a súa principal filosofía. Haberá unha serie de comités de supervisión para garantir que seguirá unha política de interese público e que a internet sexa interoperábel e que a súa natureza siga a ser a dun organismo privado sen ánimo de lucro.
En todos os comités de supervisión haberá representación da ICANN, mentres que o departamento estadounidense de Comercio terá unha praza fixa no comité de transparencia. Outros gobernos poderán participar de xeito indirecto a través de membros do consello asesor, de organizacións de apoio ou de expertos independentes. Outros dos novos comités tratarán temas como a fiabilidade, a seguridade ou a confianza das persoas usuarias.