Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Baleiro nas artes escénicas

O CDG e o Centro Coreográfico, sen dirección até o 2010

Cando faltan só tres meses para que remate o ano, os concursos que anunciou a Consellaría de Cultura seguen sen estar convocados.

Redacción - 18:05 30/09/2009

Os sectores do teatro e a danza en Galiza terán que agardar ata o 2010 para coñecer o nome do novo director ou directora do Centro Dramático Galego (CDG) e do Centro Coreográfico Galego (CCG). O nomeamento das persoas encargadas de dirixir estes organismos non se producirá ata que se resolva o concurso que a Consellaría de Cultura ten previsto convocar, o que fai moi complicado que conten con dirección antes dos primeiros meses do vindeiro ano.
 
Este martes resolveuse o concurso para a dirección do CGAC, tres meses e medio despois de que o 16 de xuño fosen publicadas as súas bases no DOG. Os concursos para a dirección dos centros dedicados ao teatro e a danza están aínda sen convocar, polo que todo apunta a que non se resolverán dentro dos tres meses que lle restan ao 2009.

A portavoz do BNG na Comisión de Cultura do Parlamento Galego, Ana Pontón, preguntoulle este mércores ao director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) polas datas que manexa a consellaría para estes nomeamentos. Juan Carlos Fernández Fasero condicionou os nomeamentos á resolución dos concursos aínda non convocados. Ana Pontón manifestou que é un desprezo cara o mundo das artes escénicas “o xeito de proceder da Consellaría de Cultura, que cesa aos responsábeis de diferentes áreas sen ter capacidade para nomear outras persoas que as substitúan, e provoca un baleiro que está a por en perigo a programación do CDG e do CCG”.

A deputada nacionalista criticou a “ineficacia” do conselleiro de Cultura para atopar responsábeis das diferentes áreas, e preguntouse “por qué motivo esperaron cinco meses para poñer en marcha este concurso”. As directoras do CDG, Cristina Domínguez, e do CCG, Natalia Balseiro, foron cesadas a principios deste mes sen que estivesen designadas outras persoas para os seus postos, a pesar de que a consellaría informara previamente de que permanecerían no cargo ata final de ano.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: