Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A OUTRA CARA DO CAMBIO

Teo, un centro de día que quedou no esquecemento

A Consellaría de Infraestruturas informou de que non executará o proxecto, aprobado polo goberno bipartito, e que incluía a construción de vivendas de aluguer de protección pública.

Redacción - 14:15 23/09/2009
Imaxe do lugar onde estaba previsto construír o centro de día de Calo (Teo)

Imaxe do lugar onde estaba previsto construír o centro de día de Calo (Teo)

O cambio político do Goberno depara mudanzas nas grandes decisións sobre o xeito de afrontar os retos que ofrece a realidade social e económica do país, mais tamén teñen as súas consecuencias nas máis cotiás necesidades municipais. Así se demostra nunha das últimas determinacións da Xunta de Galiza, quen informou ao concello de Teo (comarca de Santiago) que non executará o proxecto do centro de día previsto para a súa parroquia de Calo, un plan que incluía, ademais, a construción de vivendas de aluguer de protección pública.

Este proxecto, que fora aprobado polo goberno bipartito en 2008, queda así en suspenso, sen dar resposta ás necesidades dun crecente municipio que conta con 18 mil veciños. O alcalde, o nacionalista Martiño Noriega, xa adiantou que non se "manterá calado" ante este incumprimento e os servizos xurídicos do concello xa están a estudar a legalidade da decisión.

Todo en regra
O proxecto para a construción dun centro de día remóntase até o 2007, cando o pleno cedeu á Xunta unha parcela no lugar d'As Galanas, na parroquia de Calo (valorada en 350 mil euros), para a construción do inmóbel (a proposta contou co respaldo de BNG, PsceG e PPdeG). Ao ano seguinte, o goberno municipal e a Consellaría de Vivenda asinaron o protocolo de execución da obra.

Unha vez consolidado o cambio de cor política do Goberno, o alcalde solicitou unha xuntanza co novo responsábel do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Antonio Xosé Boné, quen lle confirmou a Noriega que o centro de día non se construirá. Do mesmo xeito, o nacionalista denuncia que, dende que o PPdeG asumise o poder na Xunta, eliminaron fondos previstos para obras no concello teense duns 600 mil euros "escudándose na actual situación de crise".

Agora, o Concello dirixirá as súas reclamacións cara a Benestar, o departamento encargado da promoción de centros de día coa nova Xunta. Con todo, as expectativas son bastante negras, xa que, de momento, o alcalde non recibiu ningunha proposta de data para unha xuntanza.


Ligazóns

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: