Que valoración fas do desenvolvemento do proxecto de construción desta infraestrutura? Cun continuo aumento de custes, cal podería ser a solución para a futura dársena?
Alá van xa case cinco anos dende que a Administración adxudicase as obras para a construción do Porto Exterior da Coruña en Punta Langosteira. Dende entón até agora, a polémica rodeou o proxecto desta dársena que uns entenden como fundamental para o desenvolvemento económico de Galiza e que outros consideran innecesaria atendendo á súa situación, á súa viabilidade técnica, ó seu custe ou ao seu impacto ambiental.
Cun orzamento que se duplicou, pasando dos 370 millóns de euros iniciais até as estimacións actuais de 789 millóns, o futuro Porto Exterior da Coruña está situado a menos de 18 quilómetros por mar de Punta Langosteira. A isto engádense as afeccións ambientais, que xeraron diferentes protestas lideradas polos mariñeiros e mariscadores que, dende un primeiro momento, alertaron das consecuencias dos traballos sobre a ría e as súas especies. A maiores, as actuacións non estiveron exentas de denuncias laborais: catro traballadores perderon a vida nestas obras, das que foi cuestionada a súa seguridade.
Así as cousas, a actualidade política depáranos o anuncio dunha posíbel reformulación do proxecto. Que valoración fas do desenvolvemento desta infraestrutura? É hoxe unha necesidade para o desenvolvemento de Galiza ou obedece a outro tipo de intereses, ben económicos, ben puramente localistas? Que reformulación do proxecto propós? En suma, ti que opinas do Porto Exterior da Coruña?