O presidente da Real Academia reuniuse co conselleiro de Cultura, Roberto Varela, para falar do traballo a desenvolver no Xacobeo 2010.
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Ramón Barreiro, pediulles este luns á Xunta e ao Arcebispado de Santiago que "os millóns de persoas" que participen na conmemoración do Xacobeo en 2010 se "decaten de que están en Galiza".
É "importante", dixo, salientar a "especificidade deste país", cunha "cultura e un idioma de seu". "Esa mensaxe debe translucir todo o proceso do Ano Santo", dixo.
Barreiro, que se reuniu co conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, no que foi o primeiro achegamento entre Xunta e RAG após as críticas do primeiro á actual política lingüística do Goberno, solicitoulle ao seu "amigo" o arcebispo de Santiago, Xulián Barrio, que introduza o galego "nos centos ou miles de contestacións" ás ofrendas do apóstolo.
"Aínda que sexa dun xeito leve, palabras en galego, pequenos textos en galego, para que a xente que está a escoitar, sexa de onde sexa, se decate de que aquí tamén hai un idioma", afirmou. Así, destacou que se trata "dun tema transcendente", para o cal a receptividade de Varela "foi total e absoluta".
"Nós, periodicamente, desde hai mil anos, estamos a recibir xente de todo o mundo. Por fin, a ver se comezamos a comunicar a esa xente, que non é que sexamos fisicamente distintos, pero estamos dentro dunha cultura propia, e temos un instrumento que é unha lingua".
En relación ás súas críticas á política lingüística da Xunta, Barreiro considerou que "non ía moi desencamiñado" ante "a recepción (das súas declaracións) nos medios de comunicación", aínda que aclarou que a súa intención non é "avivar ningún conflito", senón de "aquietar a situación, e construír". "É o que o país necesita".
Nesta liña, sinalou que a súa crítica "non foi nunca" ao titular de Cultura, que cualificou de persoa "moi intelixente" e que "viu moito mundo". Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, opinou que non existe un conflito lingüístico arredor do idioma, aínda que sinalou que "os debates sempre son enriquecedores". "Non debería habelo, non o hai", sentenciou.
Por iso, o conselleiro recordou que a súa "prioridade" é "apoiar e promover a singularidade da cultura galega", e que a lingua representa "unha parte moi importante desa singularidade", aínda que sen excluír "a outra". "Outros autores galegos, como Valle Inclán, escribiron en castelán", afirmou.
Encontro "distendido"
Sobre a reunión, Varela agradeceu o carácter "distendido" do encontro, que se centrou "esencialmente" no traballo a desenvolver a favor da nosa cultura no Xacobeo 2010 e o apoio institucional da Xunta á RAG. "O meu compromiso é que durante a celebración do Xacobeo sempre se fará unha mención especial á nosa lingua como elemento singular da nosa cultura", dixo respecto ao primeiro.
Sobre o segundo, sinalou: "Imos estudar dentro das posibilidades dos recortes presupostarios a posibilidade de incrementar a achega da Consellaría de Cultura para o funcionamento da RAG, que pensamos que é unha institución fundamental para o noso país desde o punto de vista cultural e lingüístico".