O Cidade de Lugo-Fluvial remata primeiro o Campionato de España, e o Bricosa Santiago fai o mesmo en sub-23.
Cristóbal Rodríguez, bronce no relevo mixto do campionato de Europa de pentatlón
A vitoria de Xabier Gómez Noya esta fin de semana en Cangas non só lle serviu para proclamarse como campión de España de triatlón, senón que lle deu ao seu club, o Cidade de Lugo-Fluvial, a vitoria por equipos. Xunto ao corredor ferrolán, puntuaron para o equipo os tempos de Jesús Gomar (18º) e Manuel Piñeiro (26ª). As súas actuacións valéronlle ao club lucense para impoñerse ao Triatlón Vilanova e ao Aquaslava. Outro club galego, o Bricosa Santiago, rematou en sexta posición.
Na categoría masculina sub-23 a vitoria por equipos foi para o Bricosa Santiago, grazas ás actuacións de Antón Ruanova (que foi subcampión sub-23), Brais Canosa e Rubén Bouza. Nesta categoría, o Cidade de Lugo-Fluvial acabou en terceira posición por equipos.
En categoria feminina, o Cidade de Lugo-Fluvial acabaron o Campionato de España en segunda posición, cos tempos de Ricarda Lisk (2ª), Laura Díaz (8ª) e Estefanía Domínguez (9ª), por detrás do Canal de Isabel II.
Con estes resultados, o Fluvial de Lugo situouse no primeiro posto do ranking de clubs, por diante do C. N. Reus. O equipo galego recupera a cabeza da clasificación de clubs perdida o ano pasado logo de cinco tempadas nesa primeira posición.
Éxito no pentatlón
Os éxitos dos triatletas galegos únense á medalla conseguida polo atleta de Viveiro Cristóbal Rodríguez nos campionatos de Europa xuvenís de pentatlón moderno, que se celebraron do 9 ao 13 de setembro en Antalya, Turquía. Rodríguez e a catalá Nuria Echevarría conseguiron o bronce na proba mixta de relevos, á vez que batían o record estatal desta proba.