Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
LEXISLATIVAS DO 27-S

Portugal: novo paraíso da esquerda?

Segundo diferentes enquisas, o Bloco de Esquerda e o Partido Comunista sumarían o 20% dos votos. Sócrates intenta pescar nese gran caladoiro o “voto útil”.

R.V. - 12:40 21/09/2009
Tags: BE PCP Portugal

As forzas portuguesas que defenden abertamente a vixencia do pensamento marxista soben con forza en intención de voto. Todas as enquisas coinciden en que entre o Bloco de Esquerda e o PCP poden sumar nas lexislativas do vindeiro domingo o 20% dos sufraxios emitidos. Nese gran parte do electorado que mira cara á esquerda é onde o primeiro ministro, o socialista José Sócrates, quere pescar apoios pedindo o “voto útil” para derrotar á candidata do PSD, a conservadora Ferreira Leite, e recuncar no cargo. Porén, todo apunta a que Sócrates vai quedar lonxe da maioría absoluta que logrou hai catro anos.

As sondaxes auguran un vertixinoso crecemento do BE que podería conseguir o 11% dos sufraxios, case cinco puntos máis ca nas lexislativas de 2005, cando logrou o 6,35%. De se confirmaren estas prospeccións, a organización de esquerdas pasaría a ser a terceira forza política do país, adiantándolle ao Partido Comunista e ao moi conservador CDS-PP.

Mais o Bloco de Esquerda non semella medrar a costa do PCP. A pesar de perder a terceira posición, os comunistas, que volverán presentarse coaligados co Partido Ecologista “Os Verdes”, obterían algo máis dun 9% dos votos (1,5 puntos máis que hai catro anos).

O Bloco de Esquerda


Cando en 1999 nacía o Bloco de Esquerda, froito de tres pequenas formacións marxistas (União Democrática Popular, Partido Socialista Revolucionário e Política XXI) poucos pensaban que en apenas unha década revolucionaría o panorama político portugués. Ese mesmo ano o BE logrou un discreto 2% dos sufraxios nas lexislativas e un 3% nas de 2002. O ascenso máis espectacular chegaría en 2005, cando a fronte de esquerdas foi quen de situar oito deputados na Assembleia da República ao lograr o 6,35% dos votos emitidos.

O Bloco de Esquerda pode pasar a ser a referencia do electorado portugués que está á esquerda do Partido Socialista de José Sócrates, que representa o pensamento socialdemócrata clásico. Mais esta formación non é só un crebacabezas para o PS, tamén o é para o PCP que ten alcumado de “esquerda de caviar” ao Bloco, por non encadrar na mesma ortodoxia. De feito, moitos dos seus dirixentes militaron até a década dos 90 nas filas dos comunistas.

O PCP e a caída do muro de Berlín

En 1987, dous anos antes da caída do muro de Berlín, o PCP, daquela liderado por Álvaro Cunhal, lograba un 15,49% dos votos. Dende a Revoluçao dos Cravos os comunistas convertéranse nun referente fundamental na política portuguesa, achegándose ao 19% dos sufraxios nos comicios de 1979.

En 1991, por vez primeira dende a chegada da democracia, o PCP caía en picado e baixaba da barreira psicolóxica do 10% (8,8). A diferenza doutros partidos comunistas europeos, os portugueses, logo dunha dura batalla interna, reafirmáronse no marxismo-leninismo. As seguintes citas lexislativas (entre 1991 e 2005) ensinaron un PCP que aguantaba o tipo pero que non era quen de volver a rebasar o valo do 10%.


Ligazóns

5/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: