O PSdeG rexistra unha pregunta no Parlamento Europeo sobre a compatibilidade do proxecto coa protección ambiental da Rede Natura.
A recuperación do proxecto de Touriñán foi rexeitado tanto polos partidos da oposición como por todos os colectivos ecoloxistas
Europa deberá pronunciarse sobre a construción da piscifactoría proxectada por Pescanova en Touriñán. Así terá que ser logo de que o PSdeG rexistrase, da man do seu deputado, Antolín Sánchez Presedo, unha pregunta sobre a compatibilidade do proxecto acuícola previsto en Muxía coa protección ambiental da Rede Natura.
Os socialistas apuntan que o seu obxectivo é coñecer a postura do goberno comunitario, a quen lle achegan un informe da Consellaría do Mar que recolle a recomendación de modificar o Plan Galego de Acuicultura de 2008 (aprobado polo bipartito) para incluír a posibilidade de realizar actividades acuícolas na zona. Ademais, Sánchez Presedo pregunta se o anuncio deste proxecto "sen previa avaliación" pode supoñer o incumprimento das obrigas europeas e se están demostradas "as razóns imperiosas de interese público de primeira orde para materializar a decisión da Xunta".
Para non regalarlle Touriñán á empresa privada
Asemade, o deputado socialista alerta sobre o impacto ambiental que esta infraestrutura terá sobre o entorno, parte da Rede Natura, xa que "está constatado que as actividades industriais deste tipo inciden sobre o medio e os ecosistemas". Así, cuestiona as palabras de Núñez Feijoo nas que aseguraba que se impediría a actividade deste tipo en zonas como Laxe Brava, Merexo, Seiruga e Xandriña e pregunta en que basea o diferente xeito de proceder con respecto a Touriñán.
O socialistas preguntan á Comisión Europea se a actividade industrial é compatíbel coa protección do cabo e se lle consta que a Xunta realizase previamente a avaliación de repercusión prevista pola Directiva 92/43 da CEE. Do mesmo xeito, cuestionan se o anuncio deste proxecto sen previa avaliación pode supoñer un incumprimento das obrigas da directiva. O PSdeG sinala, finalmente, que esta actuación ante o goberno comunitario se enmarca nunha serie de accións que adoptarán ante as diferentes institucións para "evitar regalarlle Cabo Touriñán a unha empresa".