O ex secretario de Organización do PSdeG conta co pleno apoio dos principais dirixentes locais.
O que durante o goberno bipartito fora secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela, confirmou este venres o que xa se daba por feito: quere seguir sendo o home forte dos socialistas na provincia de Lugo. Varela, que conta co pleno apoio do aparato socialista lugués, ten todas as bazas para facerse coa secretaría provincial. Este venres anunciou a súa intención de poñer en marcha unha executiva “representativa e integradora”
Aos seus 53 anos, Ricardo Varela segue a ser unha das pezas fundamentais do aparato socialista. Diplomado en Relacións Laborais, estivo moi vinculado ao mundo sindical (UXT) antes de dar o salto á Secretaría de Organización do PSdeG en 2004. Durante os case cinco anos no cargo de secretario de Organización, Varela, a pesar de ser conselleiro de Traballo, foi sempre o contrapeso dun Emilio Pérez Touriño máis centrado no mundo institucional.
Pero se a alguén é próximo Ricardo Varela é ao número dous do PSOE, Xosé Blanco. En abril do ano pasado, nunha entrevista en Vieiros, e preguntado pola posibilidade de que o de Palas de Rei tivese en mentes desembarcar a medio prazo na política galega, Varela era claro: “Eu vexo a Blanco asumindo responsabilidade de xestión no futuro, porque crei que ten unha enorme capacidade e creo que esa capacidade será aproveitada no seu día, cando sexa de máis interese para o partido e para el mesmo”.