Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Teatro

Santiago, Narón, Cangas e Ourense estrean compañías residentes

A fórmula impulsada pola Agadic ponse en marcha esta tempada. A Sala Nasa ábrea coa estrea de 'Vaia Tormenta!', de Sapristi.

Redacción - 12:15 17/09/2009

Este venres 18 a Sala Nasa de Santiago de Compostela inicia a súa tempada número 18, e faino coa novidade de que Chévere formalizou a súa condición de compañía residente mediante un acordo co Concello de Santiago e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Do mesmo xeito, outras tres cidades contan a partir desta tempada con compañías residentes: Ourense, Cangas e Narón.

Teatro de Ningures establecerá a súa residencia no Auditorio Municipal de Cangas; Sarabela Teatro farao no Auditorio Municipal de Ourense e Teatro do Morcego no Auditorio Municipal de Narón. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convocou en xaneiro unha liña de axudas para potenciar esta fórmula, habitual noutros países e ata agora pouco frecuente en Galiza. O obxectivo é dotar de maior estabilidade ás compañías profesionais galegas mediante a súa vinculación a espazos escénicos concretos. Cada unha das beneficiarias recibiu 80.000 euros.

18ª tempada na Nasa
Chévere será a única que fixe a súa residencia nunha sala privada. Na práctica, a compañía formalizará un sistema co que levan anos traballando, ao igual que outras compañías que rexentan espazos escénicos privados, como foi no seu día Matarile Teatro na Sala Galán de Compostela e é na actualidade o Teatro Ensalle e o Teatro Arte Livre en Vigo e Teatro del Andamio na Coruña.

Os responsábeis da Sala Nasa sinalaron que este ano “o acoso a que nos ten sometido o Sr. Conde Roa”, portavoz municipal do PP en Santiago, provocou “mostras de apoio e solidariedade de moitas persoas distintas e desde moitos lugares diferentes”. Este apoio traduciuse nunha das mellores tempadas do espazo escénico. O 2009 está a ser o segundo ano con maior afluencia de público desde 1992, con máis de 5 mil espectadores nos meses transcorridos. É tamén o ano con maior actividade programada, no que participaron máis grupos e artistas, un terzo dos cales procederon de fóra de Galiza.

A encargada de abrir este venres a nova tempada é a compañía Sapristi, coa estrea de Vaia tormenta!, unha adaptación d'A Tempestade de William Shakespeare para público a partir de 9 anos. Música, teatro e circo forman a programación dos próximos dous meses. Na sala celebraranse os concertos de Mark & The Spies e Los Chavales, VO Quartet e Os Dildos, The A-Bones e The Dustaphonics, e Los Coronas, entre outros. Ademais de Chévere, ao escenario subiranse as compañías Malabaranda e Teatro Ensalle.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: