O 'popular' Román Rodríguez criticou a "demagoxia" do bipartito por ter mantido os concertos e de "impoñer e uniformizar".
Socialistas e nacionalistas acusaron o PPdeG de querer subvencionar a educación "sexista" no país por apoiar a resolución da Xunta de manter os concertos educativos con centros que separan o alumnado por sexo, e de "amparar na legalidade" unha decisión política da que se "avergoñan".
Así o manifestaron na Comisión de Educación do Parlamento a deputada do BNG Carme Adán e o do PSdeG Guillermo Meijón, despois de que os populares rexeitasen unha iniciativa nacionalista para manter a normativa aprobada polo anterior Goberno e non darlle "cobertura pública" á educación sexista.
O parlamentario do PPdeG Román Rodríguez defendeu que a educación "diferenciada non é discriminatoria" e tachou de "demagóxica" a actitude da oposición. Engadiu que "gañaron" as sentenzas xudiciais de centros dese tipo que recorreron noutras comunidades autónomas a súa exclusión das axudas públicas e lembrou que o bipartito "mantivo" os concertos.
Así mesmo, dixo que o PPdeG respecta a "pluralidade" da oferta educativa fronte aos que pretenden "impoñer, uniformizar e pensar que sempre teñen a razón", asegurou, "sobre todo ao BNG", e advertiu os nacionalistas de que "acabarán por ser unha forza aínda máis minoritaria e por meterse no camarote dos irmáns Marx se seguen a facer méritos".
Meijón replicou que o bipartito se limitou a manter a proposta cuatrienal do derradeiro Goberno Fraga "por responsabilidade" e que o "cambiou en canto foi posíbel". Frente a iso, acusou o Executivo de Núñez Feijoo de "revogar" a resolución "perfectamente legal" e, "como se avergoñan", pretenden "arroupar a decisión cunha amañada liturxia de terxiversación, e até con listas negras".
Carme Adán demandoulle á Xunta que non subvencione iniciativas privadas que tenten "segregar nenos e nenas" e insistiu en que se unha familia quere ese tipo de ensino "que o pague do seu peto, pero non con diñeiro público".