Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Exposición en Vigo

Unha nova ollada a Maruxa Mallo, a gran transgresora

Unha retrospectiva reúne 142 óleos, debuxos, fotografías e documentos da pintora viveirense, unha das grandes figuras da arte do século XX.

Redacción - 17:00 10/09/2009

Reivindicar o papel de Maruxa Mallo nas vangardas do século XX. Ese é o obxectivo da exposición retrospectiva que lle dedica a Fundación Caixa Galicia a unha das artistas plásticas máis relevantes da arte galega e universal no pasado século. Na Casa das Artes poderase visitar ata o 10 de xaneiro unha mostra que reúne 142 pezas que conforman a máis exhaustiva revisión da obra da artista realizada ata o momento.

A exposición, da que son comisarios Fernando Huici e Juan Pérez de Ayala, organízase en dez salas que percorren a obra e a vida de Maruxa Mallo. Exhíbense óleos realizados entre 1926 e 1982, xunto con debuxos e bosquexos que permiten achegarse ao seu proceso creativo. Tamén se amosan fotografías e publicacións de época a través das que aproximarse á súa biografía.

En 1993, o CGAC abriu as súas portas cunha retrospectiva de Maruxa Mallo. 16 anos despois, este novo achegamento á súa figura enriquécese co avance nos estudos sobre a artista e a localización recente de obras fundamentais na súa traxectoria que atopaban en paradoiro descoñecido. A mostra complétase cun programa de actividades e, nos próximos meses, coa publicación dun catálogo e a edición dunha película documental.

Pescuda na vida da artista
O ano vindeiro, a Fundación Caixa Galicia editará o ensaio Maruja Mallo: de prometedora pioneira a artista universal. Materiais para unha biografía exacta e completa da pintora viveiresa entre 1902-1936. Este traballo de Emilio Insua e Carlos Cal gañou do XXIII Premio Ánxel Fole de Ensaio, e achega novos datos sobre a súa vida antes de exiliarse a Arxentina.

O traballo de Insua e Cal dá conta de que Ana María Gómez González, nome real da artista, viviu en Galicia ata os 11 anos, con estancias en Viveiro, Corcubión, A Coruña e Vigo. Na vila mariñá naceu en 1902, e logo de pasar por Asturias, trasladouse a Madrid definitivamente en 1922. Alí entrou en contacto coa Xeración do 27, principalmente con Buñuel, García Lorca, Alberti, Dalí e Pepe Bello. Viaxou a París onde contactou cos surrealistas franceses.

Logo do golpe militar de 1936, Maruxa Mallo trasladouse a Bos Aires, e continuou o seu traballo pictórico. En 1961 volveu a Madrid, onde se instalou definitivamente. Morreu nesa cidade en febreiro de 1995.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: